jueves. 25.04.2024
A escritora Carmen Rivero.
A escritora Carmen Rivero.

O Salón de Actos do Concello de Laza acollerá este sábado 2 de xullo ás 20:00 horas a presentación do poemario "Entre a terra e as estrelas". A súa autora, Carmen Rivero, é veciña do municipio e inspirouse no Camiño de Santiago para elaborar os versos que acompañan as páxinas deste libro.

A escritora estará acompañada por José Antonio Quintas, vicepresidente da Asociación Cultural Amigos da Vía da Prata-Camiño Mozárabe; por Antonio Rodríguez Colmenero, escritor, catedrático e historiador; e polo alcalde de Laza, José Ramón Barreal. Ademais, o encontro contará co acompañamento musical de Viky Pérez na voz e de Álvaro López na guitarra.

De que fala “Entre a terra e as estrelas”?

Este poemario fala da Vía da Prata ou Camiño Mozárabe dende Laza ata Santiago de Compostela. A través dunha peregrina vai revelando a historia, a paisaxe e as lendas dos lugares polos que pasa. Neste percorrido amósanos o dano que o ser humano lle fai ó noso planeta nun intento desesperado de poñerlle freo ó cambio climático para tentar reverter esta situación que nos abocará, sen dúbida, á catástrofe e ó caos.

Cal foi a inspiración deste poemario?

Sen dúbida o Camiño de Santiago  pois vivo a carón da estrada por onde pasa. Cada  día vexo pasar moitos peregrinos e sempre matinaba nos motivos que os levarían a facer o Camiño, de onde virían e como serían as súas vidas no lugar de onde proceden. Que sentirían o facer o Camiño. Daquela decidín facerme eu tamén peregrina e fixen a Vía da Prata-Camiño Mozárabe que me engaiolou pola fermosura da súa paisaxe.

Neste poemario quero poñer en valor a terra galega, a súa xente, ás lendas e tradicións, pero tamén a urxente necesidade de deter o cambio climático

Que quere amosar co libro?

Primeiro poñer en valor a nosa terra galega que dende a montaña ata o mar é preciosa e impresionante, tamén da súa xente, da súa historia, das súas lendas e tradicións. Somos un pobo que como dixen nun dos meus versos: debe perdurar para sempre entre os pobos venerables do planeta. Outro valor, non menos importante, é a urxente necesidade de deter o cambio climático que se atribúe directa ou indirectamente á actividade humana e compromete seriamente o presente e o futuro do noso planeta e dos seus seres vivos. A conservación e coidado do noso planeta debe comezar xa na infancia, inculcándolle ós cativos valores de amor e respecto pola natureza, pero claro primeiro debemos deixarlles nós ás futuras xeracións unha Terra digna.

Como foi o proceso de elaboración ata conseguir a súa publicación?

Primeiro fixen un traballo de investigación sobre os lugares polos que pasaba a Vía da Prata-Camiño Mozárabe dende Laza ata Santiago. Busquei información sobre a súa historia, lendas, arte etc. Despois fixen este Camiño como peregrina, no cal desfrutei moitísimo e teño que dicir que o Camiño engancha. É una experiencia máxica e impresionante. E finalmente escribín o poemario Entre a terra e as estrelas para plasmar nel as miñas vivencias e sentimentos.

Que se atoparán os asistentes na presentación deste sábado?

Atoparanse con tres persoas que falaran da Vía da Prata, una delas presentará o acto, outra falará do aspecto histórico da Vía da Prata e  outra sobre a súa experiencia como peregrino e como impulsor do Camiño Mozárabe. Tamén escoitaremos a preciosa voz de Viky e a guitarra de Álvaro e ademais, unha servidora, recitará algún poema deste novo poemario.

Cartel da presentación do libro.
Cartel da presentación do libro.

ENTREVISTA | Carmen Rivero: "O Camiño é unha experiencia máxica que engancha"