
O Concello de Laza vén de anunciar o inminente inicio das obras de substitución do alumeado público en cinco das súas localidades, ao abeiro dunha subvención concedida polo IDAE (o Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía), que lle permitirá, ademais dunha considerable reducción das emisións de CO2, un importante aforro no recibo da luz coa conseguinte disminución nas partidas de gastos en bens e servizos orzamentados polo grupo de Goberno.
O investimento será duns 82.000 euros e consistirá na substitución dos actuais equipos de alumeado, por luminarias moito máis eficientes, con fontes de maior eficacia e dotadas de equipos de regulación e control. Tamén serán instalados novos cadros eléctricos para mellorar a seguridade e fiabilidade dos sistemas públicos de alumeado.
Nesta primera actuación, as aldeas que se beneficiarán das melloras no seu alumeado serán Alberguería, Arcucelos -o núcleo-, Camba, Cerdedelo e Toro.