Venres. 29.03.2024
A Asociación Galega de Custodia do Territorio é unha entidade de conservación da natureza especializada na custodia do territorio

A Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Laza, Cimadevila e Souteliño aposta por conservar a biodiversidade

A CMVMC de Laza, Cimadevila e Souteliño e a AGCT comezaron os contactos para establecer un acordo de custodia en beneficio da biodiversidade. pretenden chegar a un acordo que lles permita protexer e conservar o monte a través da custodia do territorio. 

IMG-20200723-WA0039
Rosa Novoa, Martiño Cabana e Óscar Rivas, membros da AGCT, reunidos con Jordi Borrás, tesoureiro da CMVMC. FOTO | Cedida.

Os representantes da AGCT visitaron a localidade de Laza, o pasado 20 de xullo, convidados pola Comunidade do Monte Veciñal para coñecer as zonas con maior interese para a conservación da biodiversidade. As asociacións presentaron a posibilidade de establecer un acordo de custodia do territorio entre ambas partes

O monte xa foi visitado por un técnico da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que adiantou posibilidades da custodia do territorio coma unha ferramenta exitosa que xa é empregada por varias CMVMC galegas.  Ademais, está recollida na lei 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade.

A CMVMC de Laza, Cimadevila e Souteliño conta cunha superficie total de 2.451 hectáreas, constituíndo unha parte significativa da conca do río Támega, que xa forma parte da Rede Natura 2000. Nese sentido, a Comunidade do Monte Veciñal considera unha prioridade a recuperación e ampliación do bosque autóctono de galería en todos os arroios afluentes do Támega, destacando o canón do río Cabras: unha das paraxes que a AGCT tamén sinalou como estratéxica.

IMG-20200723-WA0038Imaxe dunha das zonas propostas para a conservación. FOTO | Cedida.

As medidas de restauración, prevención e loita contra os incendios forestais marcan o compás da comunidade que traballa entre Laza, Souteliño e Cimadevila. Durante as dúas últimas décadas, recuperáronse máis de 800 hectáreas de zonas que foron destruídas por incendios, ben mediante plantacións, ben con axudas á rexeneración natural. Tamén se foron eliminando progresivamente os rodales de especies exóticas, como o eucalipto, e favorecendo a expansión das frondosas autóctonas.

Incluso se habilitaron charcas e pequenos encoros para poder cargar motobombas e medios aéreos de extinción. Charcas e encoros que tamén foron valorados como estratéxicos pola AGCT, porque ofrecen un hábitat moi valioso para as poboacións de anfibios. Ademais, está previsto estudar a fauna que reside no interior das antigas minas de wolframio que hai no monte, por se puidesen utilizarse como hábitat de diversas especies protexidas, coma os morcegos.

Tanto a Asociación Galega de Custodia do Territorio coma a Comunidade do Monte Veciñal en Man Común coinciden en seguir estudando as posibilidades de mellora ambiental deste monte, principalmente no marco dunha orientación productiva. Sen esquecer a importancia que podería ter a zona para a conservación de distintas especies ameazadas: pola súa situación estratéxica, nas estribacións do Macizo Central Ourensán.

A Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Laza, Cimadevila e Souteliño aposta por...