Venres. 29.03.2024
A comisión de control, presidida polo alcalde, Moncho Barreal. | FOTO: Xosé Lois Colmenero
A comisión de control celebrada hoxe en Laza, presidida polo alcalde, Moncho Barreal. | FOTO: Xosé Lois Colmenero

Deuse por finalizada a primeira e única reunión da comisión de control para o proceso selectivo dos GES en Laza. Estivo presidida polo alcalde do concello, José Ramón Barreal, que en todo momento defendeu a integridade do proceso. "Determinouse por unanimidade que non houbo ningunha irregularidade, que foi un procedemento impecable", afirma o rexedor. "Imos ter en conta a proposta da CIG de que no próximo pleno se chegue a un acordo para que Xuntos por Laza lles pida desculpas aos membros do tribunal, xa que en vez de presentar unha denuncia formal, púxoo nas redes sociais", engade.

O proceso foi impecable e non houbo ningunha irregularidade (Moncho Barreal, alcalde de Laza)

Foi precisamente a CIG a solicitante deste procedemento a que, a través do seu portavoz, Óscar Núñez, recalcou: "A convocatoria deste tipo de órganos ten por obxecto controlar a transparencia dos procesos selectivos, implicando un moi necesario contrapeso fronte ao poder político e sendo moi útil para previr actitudes irregulares no acceso ao emprego público e, mesmo, para descartar irregularidades, como neste caso".

Pola súa banda, os membros do tribunal e mailos seus asesores técnicos, entre os que destacan o secretario do concello de Monterrei, Paulino Fernández, e o interventor do concello de Sandiás, Miguel Ángel Rodríguez, consideran que "con isto fáiselles un fraco favor ás entidades locais que acusan un déficit de funcionarios e de persoal en xeral"

Finalmente e tras esta determinación da comisión, está previsto que a convocatoria para a creación dunha bolsa de emprego para peóns do GES siga o seu curso xa que "non foi paralizada en ningún momento", conclúe o alcalde.

A comisión de control non observa irregularidades no proceso selectivo dos GES en Laza