
Laza espertou hoxe, de novo, sobresaltada co barullo das sireas e as luces dos equipos de extinción de incendios. Na madrugada declarábase un lume na vivenda contigua á que se consumiu este venres pola noite na rúa Barrio da localidade.
A vivenda que ardeu o venres e, á dereita, a que se queimou nesta madrugada de domingo.
A casa estaba habitada por unha octoxenaria que fora pasar as últimas noites á casa do seu fillo, ante o perigo de que a calor aínda existente na estrutura da casa contigua e da dela mesma acabase por producir un lume.
E así foi, esta mañá, cara as seis, declarábase un incendio que acabou tamén coa vivenda.
Solidariedade de Concello e Enlazados
Concello e a Asociación Cultural Enlazados iniciaran unha campaña de solidariedade coa parella afectada polo incendio de venres e, xa confirman, que ampliarán a iniciativa para que a octoxenaria afectada recupere tamén a súa casa. As dúas entidades abriron sendas contas na sucursal local de Abanca, onde se poderán facer doazóns para as dúas familias.
José Ramón Barreal Novo, o rexedor, confirmou tamén nun bando que o seu grupo de Goberno viña de habilitar unha partida orzamentaria extraordinaria para dotar á primeira familia afectada dos enseres básicos para reanudar a súa vida. Todo fai esperar que ampliará a dotación tamén para a octoxenaria afectada esta mesma mañá polo mesmo infortunio.