Martes. 19.03.2024
Remedios Vaz, dona de Modas Rosy. | FOTO: Iván Iglesias.
Remedios Vaz, dona de Modas Rosy. | FOTO: Iván Iglesias.

A pandemia só retrasou algo que sería inevitable. Remedios Vaz, dona de Modas Rosy, está a piques de xubilarse e atrás deixará 38 anos nos que o seu negocio foi un dos piares da súa vida. "Xa tiña pensado retirarme no 2020, pero retraseino e agora chegou o momento de facelo. Dame moita pena porque era algo co que desfrutaba, pero hai que descansar", recoñece emocionada a propietaria desta tenda situada na rúa Lisa, quen agradece a todos os seus clientes polo apoio durante todo este tempo.

Esta etapa péchase para Modas Rosy con ela á súa fronte, pero desexa que o seu legado siga vivo a través doutra persoa que sinta a mesma paixón ca ela pola moda, especialmente para cerimonias. "Chegou o momento de deixar as rendas deste comercio e espero que alguén a quen lle guste queira seguir con el", conta. Noivos e noivas, madriñas e moitos nenos pasaron pola súa tenda, quedando Modas Rosy para sempre no seu recordo.

En Modas Rosy pódese mercar roupa para calquera tipo de evento. | FOTO: Iván Iglesias.
En Modas Rosy pódese mercar roupa para calquera tipo de evento. | FOTO: Iván Iglesias.

 

Case 40 anos dan para moitas historias, pero o que se leva Vaz de todo ese tempo tralo mostrador é que vestiu a moitas persoas en todos os momentos importantes da súa vida, desde que naceron. "O que máis teño presente son eses clientes que viñan pola roupa da súa voda e me decían que xa os vestira de bebés para os seus bautizos e comuñóns. Nestes casos dábame conta do rápido que pasaba o tempo", explica. Nas situacións máis especiais, aí estivo Modas Rosy e quere seguir estando aínda que Vaz se xubile.

A propietaria desta tenda sempre adicou a súa vida ó comercio. Antes de comezar con Modas Rosy traballou na Libería Cortés, tamén na rúa Lisa, que pertencía á súa familia. "Son moitos anos e toca descansar", sinala. No seu negocio propio comezou só con roupa centrada nos nenos e foise expandindo, logo xa tiña roupa para noivas e madriñas. Finalmente, acabou tendo roupa de todo tipo e tamén viste a noivos e a invitadas para calquera cerimonia.

Vaz marcha e con ela farano as anécdotas de case catro décadas. "Sempre recordarei un noivo que veu aqui e me dixo que xa era a terceira vez que o vestía para a súa voda. Foi a el e á madriña tamén", rememora Vaz. Historias como esta son o reflexo da pegada e da fidelidade que Modas Rosy conseguiu deixar nos seus clientes, algo que agarda se manteña no tempo a través doutra persoa.

A roupa masculina tamén está dispoñible en Modas Rosy. | FOTO: Iván Iglesias.
A roupa masculina tamén está dispoñible en Modas Rosy. | FOTO: Iván Iglesias.

NOTICIA DE EMPRESA | Modas Rosy pecha unha etapa e busca manter vivo o seu legado