Do 10 ao 18 de maio haberá música, teatro, exposicións e actividades para todas as idades

NOTICIAS VERÍN | A vila celebra a forza da tradición feminina na Semana das Letras Galegas 2025

Samanta Barreira presentou unha programación que combina tradición, innovación e participación cidadá con actividades para todas as idades.

A Semana das Letras Galegas 2025 en Verín terá un protagonismo especial: o das mulleres que, a través do canto, o baile, a palabra e a solidariedade, mantiveron viva a identidade cultural galega durante décadas. Así o destacou esta mañá a concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira, na presentación da programación que se desenvolverá do 10 ao 18 de maio. Unha proposta que busca a participación de toda a sociedade verinesa no orgullo de ser galegas e galegos, con actividades para todas as idades que combinan tradición e novas formas de expresión cultural.

O Concello de Verín programou actividades que buscan "facer partícipe a toda a sociedade verinesa do orgullo de sermos galegos e galegas".

Durante a presentación, Barreira fixo fincapé na importancia de visibilizar o labor das asociacións de mulleres do noso territorio: "A nosa comarca ten un tecido asociativo feminino moi forte e diverso. As nosas agrupacións e asociacións de mulleres rurais foron e seguen sendo auténticos motores de dinamización sociocultural. É xusto recoñecerlles publicamente a súa entrega e agradecerlles que leven décadas mantendo viva a nosa identidade a través da música, do baile, da palabra ou da solidariedade".

Unha semana de celebración da cultura galega

A programación da Semana das Letras Galegas en Verín arrancará o sábado 10 de maio na Preguiza cun encontro festivo de grupos e asociacións da comarca que encherán o espazo de música tradicional, xogos populares e un obradoiro de baile. A noite pecharase co concerto do grupo Ailá, que fusiona a tradición musical galega con sonoridades contemporáneas. O luns 12 inaugurarase a exposición "Pensamentos Fuxidos" de Xosé Rivada, mentres que o martes o alumnado do Conservatorio de Música de Verín ofrecerá unha audición instrumental. O xoves 15, o músico e investigador Xabier Díaz impartirá a palestra "Metendo as mans na terra" sobre a tradición musical galega.

O venres 16 estará dedicado á infancia, co encontro "Os coles cantan" na Praza García Barbón e o contacontos con monicreques "Os Descontacontos" na Biblioteca Municipal. O sábado 17, a compañía Fantoches Baj representará a obra teatral infantil "Castelao. Un corazón á intemperie". A Semana das Letras Galegas en Verín culminará o domingo 18 coa tradicional Gala Músico Literaria, onde se entregarán os premios dos certames de poesía "Xosé Carlos Caneiro Pérez" e de relato curto "Antonio Fernández". Unha semana completa para celebrar a riqueza da lingua e a cultura galegas, poñendo este ano o foco na imprescindible labor das mulleres do rural.

 

Letras Galegas 2025

A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Coa elección de 2025 quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre.