Os primeiros premios do Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez e do Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez, organizados polo Concello de Verín con motivo do Día das Letras Galegas, coa colaboración de Supermercados GADIS e do Concello de Vilardevós, foron este ano para alumnado do IES Castro de Baronceli, do Colexio Plurilingüe María Inmaculada, do Colexio Apostólico Mercedarios e do CEIP Plurilingüe Amaro Refojo.
Trinta poemas presentaron os centros participantes á fase final do Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez. En 5º e 6º de Primaria, o primeiro premio foi para o poema Dálle vida aos soños de Alfonso Fernando Paradela, alumno de 5º do Colexio Plurilingüe María Inmaculada. O segundo premio obtívoo, a poesía Vida de Candela Rivero Carrasco, alumna de 6º do CEIP Plurilingüe Amaro Refojo. O terceiro premio foi para o poema O sol de Naia Nespereira Costa, alumna de 6º do Colexio Plurilingüe María Inmaculada.
En 1º e 2º de ESO, o poema gañador foi o titulado Xamais direi adeus de novo de Elián González Martínez, alumno de 2º do IES Castro de Baronceli. O segundo premio foi para a poesía titulada Emigración de Diego García Blanco, alumno de 2º do Colexio María Inmaculada. Para o terceiro premio foi seleccionado o poema A amizade de Rubén Incera Barazal, alumno de 1º do Colexio Apostólico Mercedario.
En 3º e 4º de ESO, o primeiro premio correspondeulle ao poema Labirintos do silencio de Jenia Casado Chantrero, alumna de 4º do IES Castro de Baronceli. Para o segundo premio foi escollida a composición poética Baixo o manto das estrelas de Selene Olmos Colmenero, alumna de 3º do IES Castro de Baronceli. O terceiro premio foi para o poema titulado Ausencia de Carmen Page Castro, alumna de 4º do Colexio Plurilingüe María Inmaculada.
No Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez chegaron á fase final 28 obras. En 5º e 6º de Primaria, o primeiro premio foi para a narración O tesouro do pilo de Sara Blanco Rosas, alumna de 6º do CEIP Plurilingüe Amaro Refojo. O segundo premio correspondeulle ao traballo titulado Sete puntos de Paula Novoa Sotelo, alumna de 6º do CEIP Plurilingüe Amaro Refojo. Para o 3º premio escolleron o relato titulado O soño de Andrea de Eva Fernández Castro, alumna de 5º do Colexio Plurilingüe María Inmaculada.
En 1º e 2º de ESO, o primeiro premio para o relato Un don natural de Itzíar Lamas Colmenero, alumna de 2º do Colexio Apostólico Mercedario. O segundo premio logrouno A gatiña que quería ser nai de Inés Saínza Casanova, alumna de 2º do IES Castro de Baronceli. O terceiro premio foi para o traballo titulado A guerra de Rodrigo Pérez Cid, alumno de 2º do Colexio Apostólico Mercedario.
En 3º e 4º de ESO, o primeiro premio foi para Coidado coa anorexia de Selenia Rey Salgado, alumna de 3º do Colexio Plurilingüe María Inmaculada. O segundo premio, para a narración Morriña de Helena Pérez Santamarina, alumna de 3º do Colexio Plurilingüe María Inmaculada. Para o 3º premio escolleron o relato titulado A realidade detrás destes ollos azuis de Zoe Oliveros Fernández, alumna de 4º do Colexio Plurilingüe María Inmaculada.
Os premios consistiron en contías económicas de 90 euros para os primeiros, 60 para os segundos e 30 para os terceiros, e lote de libros e diploma para todos os traballos premiados e finalistas.
Tamén lle entregaron á maioría dos centros participantes (CEIP Plurilingüe Rodolfo Núñez Rodríguez de Vilardevós e CEIP Plurilingüe Amaro Refojo, Colexio Plurilingüe María Inmaculada, Colexio Apostólico Mercedario, IES Castro de Baronceli e IES Xesús Taboada Chivite) bonos para compra de libros en galego por un importe total próximo aos mil euros. Entregándolle a cada centro bonos por cantidades que oscilan entre os 40 e os 360 euros, en función dos niveis que imparte cada centro e da presentación de ternas de finalistas. Os bonos foron financiados polo Concello de Vilardevós e polo Concello de Verín.
A entrega de premios e bonos tivo lugar na Gala Músico-Literaria das Letras Galegas, que acolleu o Auditorio Municipal de Verín, e contou no ámbito musical coas actuacións da MiniBanda do CMUS de Verín.