O festival de cinema de Verín aposta pola mocidade e a diversidade de miradas

NOTICIAS VERÍN | O FIC Vía XIV abre as inscricións para o seu Xurado Novo na súa décima edición

Integrantes do "xurado novo" na pasada edición do FIC Vía XIV. | FOTO: Anabel G. Simón.

O Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV (FIC Vía XIV) de Verín celebra o seu décimo aniversario apostando pola mocidade e a diversidade de miradas. O festival vén de abrir as inscricións para formar parte do seu Xurado Novo, encargado de nomear o filme gañador do "Premio Xurado Novo" nesta décima edición.

 

Tras o éxito do ano pasado, o FIC Vía XIV reforza a súa aposta pola participación da mocidade nos festivais de cinema. "É fundamental que a xente nova teña un espazo de seu en eventos deste tipo, xa que esta é a maneira de potenciar a educación cultural, así como de ter novas miradas fóra dos círculos normativos da cultura", afirma Carlos Montero, director do festival.

 

Como formar parte do Xurado Novo

O Xurado Novo estará formado por cinco persoas de entre 16 e 30 anos, que serán seleccionadas en base á súa experiencia en proxectos culturais ou artísticos, estudos relacionados co audiovisual ou vinculación con Verín e a súa contorna. As persoas seleccionadas terán a oportunidade de vivir o festival dende dentro, coñecer o seu funcionamento e entrar en contacto con profesionais do sector. Ademais, todas as persoas inscritas, sexan ou non seleccionadas, recibirán pases gratuítos para asistir ás proxeccións oficiais do festival. 

As inscricións para participar no Xurado Novo están abertas ata o 10 de xuño e pódense realizar a través da páxina web do festival, cubrindo o formulario creado. Na web do FIC Vía XIV tamén se poden consultar as bases completas de participación. Dende a organización animan á mocidade a vivir unha experiencia única en Verín participando como xurado do FIC Vía XIV entre o 28 de agosto e o 6 de setembro.