Foi trasladado ao CHUO no helicóptero que se desprazou ao lugar logo dun difícil rescate

Ferido leve o conductor de Vilardevós que envorcou co seu camión nas Estivadas este mediodía

Os bombeiros precisaron estender a súa cesta para rescatar ao conductor do camión. | FOTO: Noelia Caseiro.

As primeiras imaxes facían temer un resultado do sinistro deste mediodía nas Estivadas (Cualedro) moi distinto ao que afortunadamente tivo: só se lamentarán danos materiais, porque o conductor -residente en Vilardevós- do camión envorcado unicamente sufriu feridas de escasa consideración

Os propios axentes da Garda Civil de Tráfico que participaron no rescate do home de 38 anos, Víctor P. D., residente en Vilardevós e conductor do camión que este mediodía envorcou á altura do kilómetro 178 da A - 52 en sentido Porriño (Pontevedra), logo do descenso das Estivadas (Cualedro); cualificaron de "milagre" o feito de que só sufrise feridas de escasa consideración trala espectacularidade do sinistro.

Ata o lugar se desprazou o helicóptero do 061, que máis tarde trasladaría ao home ferido leve. | FOTO: Noelia Caseiro.

Por causas que se investigan, o chofer perdeu o control do vehículo articulado no descenso cara o municipio de Trasmiras e acabou envorcando a máis de 70 metros do firme da calzada, ladeira abaixo e logo de que unhas árbores freasen a traxectoria descontrolada do camión. 

Ata o lugar se desprazaron, ademais de varias unidades da Garda Civil de Tráfico do Destacamento de Verín, unha ambulancia, un helicóptero e membros do parque comarcal de Bombeiros do polígono de Pazos (Verín), que participaron activamente nun rescate que se alongou case unha hora dada a dificultade para acceder ao lugar no que quedou envorcado o tráiler. 

As lesións que presentaba o conductor eran de escasa consideración e todo indica a que recibirá a alta hospitalaria este mércores.