O PP esgrime os lumes como razón de peso para que Renfe recúe | NOTICIAS VERÍN
Se en xullo foron os deputados populares por Ourense no Parlamento de Galicia, xunto a alcaldes e portavoces populares das comarcas afectadas, quen reivindicaron a reposición dos servicios ferroviarios do AVE suprimidos por Renfe, agora é a quenda dos deputados do Partido Popular no Congreso pola provincia de Ourense quen veñen de rexistrar unha pregunta parlamentaria no Congreso coa que esixen a Renfe e ao Goberno do Estado a rectificación e a recuperación das paradas do AVE na estación Porta de Galicia da Gudiña xa neste mes de setembro.
Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana expresan o seu malestar pola decisión de Renfe de manter ata o 13 de decembro os horarios "discriminatorios" que se implantaron o 9 de xuño. Segundo sinalan, estes horarios son "irracionais, inútiles e discriminatorios para os habitantes do medio rural". A necesidade de restituír estas paradas fíxose aínda máis "necesaria", segundo Celso Delgado, despois da "vaga de incendios forestais arrasou a provincia de Ourense con especial afectación, entre outras, ás comarcas da Gudiña, Monterrei, Valdeorras, Trives, Conso-Frieiras e tamén á veciña comarca zamorana de Sanabria".
Necesidade de axuda agora máis que nunca
Os deputados populares argumentan que as persoas que viven nestas comarcas precisan agora máis que nunca axuda de todas as Administracións e Empresas Públicas para a súa recuperación. "Se xa antes desa catástrofe era de xustiza que Renfe e o Goberno de España rectificasen a decisión tomada de suprimir paradas dos trens AVE na Gudiña, agora faise aínda máis necesaria", afirma Celso Delgado.
Consideran "urxente e de xustiza" que Renfe recupere as paradas nas estacións intermedias do corredor ferroviario de alta velocidade Galicia-Madrid, e moi especialmente as da Gudiña-Porta de Galicia, para poder dispoñer de horarios racionais, sen discriminacións con respecto aos usuarios das grandes cidades.
Mobilización cidadá
Os populares tamén recordan a multitudinaria manifestación do pasado 2 de agosto, convocada pola plataforma "Dereito ao Tren". Miles de persoas de diversas comarcas galegas e da provincia de Sanabria, xunto con representantes de todos os grandes partidos políticos, expresaron o seu rexeitamento á decisión de Renfe de suprimir as paradas máis útiles na Gudiña.
O manifesto lido polo presidente da plataforma, Rubén Riós, pedía "a adaptación dos horarios ás necesidades da poboación, o restablecemento das frecuencias eliminadas e apostar por un servizo público ferroviario útil".