O Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Verín acolleu unha xornada técnica de gran relevancia para o sector primario baixo o título “Apicultura e territorio: emprendemento sostible no ámbito do Polo de Emprendemento de Verín”. O encontro, que reuniu a arredor de 50 profesionais na súa sede de Pazos, foi organizado en colaboración coa cooperativa Verín Biocoop S.C.G. para analizar os retos de viabilidade económica, a ameaza da vespa velutina e o impacto dos lumes forestais na provincia de Ourense.
A sesión de apertura estivo presidida pola directora territorial de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia en Ourense, Marta Vázquez, quen destacou o compromiso do goberno galego coas iniciativas ligadas á sustentabilidade do territorio. Debasa puxo en valor o papel de soporte que realiza a Rede de Polos de Emprendemento, que conta actualmente con 15 centros activos en Galicia (4 deles na provincia de Ourense: Verín, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Baños de Molgas) e que asesorou xa a preto de 6.500 proxectos de autoemprego no rural.
Durante a exposición de casos de éxito, José Antonio Pazos "Ñaka" compartiu a traxectoria de Aialma, o seu proxecto de apicultura artesanal familiar en Souteliño (Laza). Tras retornar da emigración en 2019 con só 24 colmeas, a firma chegou a acadar as 250 colmeas antes do fatídico incendio do 12 de agosto de 2025, onde as lapas calcinaron os seus tres asentamentos e destruíron 200 colmeas. Cun enorme esforzo de reconstrucción, o proxecto recuperou a súa capacidade ata contar novamente con arredor de 250 colmeas neste mes de maio de 2026, un traballo de calidade que se viu coroado coa obtención, por sexto ano consecutivo, dunha medalla de ouro nos London Honey Awards.
Pola súa banda, o xerente de Frutimel e alcalde da Gudiña, Néstor Ogando, relatou os seus máis de corenta anos de experiencia na apicultura de montaña, detallando as súas canles de exportación a países nórdicos (con campañas que moveron ata sete tráileres de mel) e o polen de castiñeiro a Francia. No debate técnico participaron tamén Mónica Herrera (Apícola A Meleira), Anabel Dacosta (Verín Biocoop SCG), Vicente Dacal (veterinario oficial da Oficina Rural de Verín) e Román Cid (Abellas Nais). Na mesa analizáronse ferramentas innovadoras de protección, como o control de velutina por radiotelemetría de Abel Kavanagh e o proxecto ignífugo Chivi-Fire desenvolvido polas alumnas do IES Xesús Taboada Chivite de Verín.
Finalmente, a xornada serviu para abordar o impacto do novo Real Decreto 68/2025 sobre o etiquetado do mel, que entrará en vigor en España o vindeiro 14 de xuño de 2026. Segundo constataron os expertos da mesa de debate, esta normativa estatal obriga a detallar na etiqueta os diferentes países de orixe e as súas porcentaxes exactas en orde decrecente. Malia que existe un prazo de prórroga de 18 meses para dar saída ás existencias xa envasadas coa lexislación anterior, os relatores coincidiron en que a medida esixirá un control de trazabilidade moito máis estrito e un esforzo de xestión engadido para os produtores locais ourensáns.
FOTOS: Noelia Caseiro
