NOTICIAS VERÍN | A comarca loitará ata que non haxa mulleres vítimas da violencia de xénero

Os cativos do Amaro Refejo non faltaron nesta reivindicativa xornada con carteis. | FOTOS: Carlos Montero.
Femuro uniuse á concentración.
Os alumnos de 5ºA do CEIP Amaro Refojo fixeron unha posta en escea para romper cos mitos do amor romántico.
Os rapaces repartiron laranxas, porque "ti es a laranxa completa".
Sete rapazas contaron unha historia dunha moza que sufría violencia por parte da súa parella.
Nenos do Amaro Refojo no acto.
O CIM da Mancomunidade de Verín foi un dos organizadores.
Manuel Lorenzo, Gerardo Seoane, Cándida Couñago, Diego Lourenzo e Purificación Caldelas representaron ao Concello de Verín.
Mulleres de Riós participaron no obradoiro "Xabonciños pola igualdade". | FOTO: Cedida.
Cartel reivindicativo no Concello de Riós. | FOTO: Cedida.
Dentalnova iluminou as súas instalacións de morado.

O CIM da Mancomunidade de Verín, Femuro, o CDR Portas Abertas e a Cruz Vermella organizaron unha concentración en repulsa da violencia de xénero polo 25N. Esta mañá, na Praza do Concello, numerosos veciños participaron neste acto para loitar pola fin desta lacra social.

A concentración comezou cunha pregunta: "Como é posible que aínda sigamos reivindicando dereitos fundamentais como a liberdade, a seguridade, á integridade física e moral e o dereito á vida?". Destacáronse os avances na loita contra a violencia de xénero, pero recordouse que queda moito por facer. "Seguiremos loitando ata que ningunha muller sexa vítima de violencia de xénero", declarouse no manifesto.

Posteriormente, sete rapazas estudantes da ESO contaron en primeira persoa a historia dunha moza á que lle cambiou a vida por culpa da súa parella, que exercía sobre ela a violencia. Remataron a súa intervención lendo os nomes dalgunhas das mulleres que foron asasinas polos seus maltratadores e gardouse un minuto de silencio por elas.

O acto rematou cunha posta en escea elaborada por Femuro coa participación dos alumnos de 5ºA do CEIP Amaro Refojo, na que romperon os mitos do amor romántico e logo repartiron laranxas, reivindicando que non hai medias laranxas. A concentración contou coa presenza de membros da corporación municipal de Verín, encabezados polo rexedor, Gerardo Seoane; e doutros municipios da comarca, como o alcalde de Vilardevós, Manuel Cardoso.

En Riós, tamén se viviu unha xornada reivindicativa cun cartel que loce na Casa do Concello baixo o lema "Riós di stop". Ademais, este xoves, varias veciñas de Castrelo de Cima e Navallo participaron no obradoiro "Xabonciños pola igualdade". Ana María Villarino, alcaldesa de Oímbra, sumouse á xornada amosando unha chapa na que se pode ler "Oímbra en igualdade".

Por útlimo, a clínica Dentalnova foi partícipe desta xornada ao iluminar de morado as súas instalacións, cor coa que se identifica a loita contra a violencia de xénero.