Este xoves, unha decena de voluntarios sénior "reclutados" polos Servizos Sociais do Concello de Verín achegáronse ata Solleira, o centro de día municipal, para participar nunha das actividades que programan de xeito regular durante todo o ano: un moi particular "Pasapalabra". Alí, os maiores do centro de día que dirixe Chelo Ferreiro tiveron que responder ás preguntas agochadas en cada letra. Oficiou de presentadora do singular espazo, Andrea Pérez, terapeuta ocupacional do equipo de profesionais de Solleira.
Estiveron presentes no concurso Rosario Rodríguez, concelleira de Persoal do Concello de Verín; o titular da responsabilidade de Servizos Sociais, Eugenio Quintas; o xefe de Servizos Sociais do Concello, Javier Cid, e Blanca López, responsable do programa de "Voluntariado Sénior".
É o segundo ano consecutivo que o Concello de Verín solicita a subvención do “Voluntariado Sénior” ofertada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. Este proxecto, denominado "Avanzando cara un futuro mellor", ten como finalidade contribuír a mellorar a calidade de vida dos maiores, realizando actividades orientadas a eliminar estereotipos, creando unha imaxe máis social e dinámica.
Nesta iniciativa, organizada pola Oficina de Xuventude e Voluntariado e o departamento de Servizos Sociais do Concello de Verín, participaron un total de oito “voluntarios sénior” que apoiaron o traballo que realizan os técnicos da área de Servizos Sociais municipais, e do que se benefician máis de 650 persoas.
No marco desta iniciativa tamén tiveron lugar, ao longo deste ano, as seguintes actividades:
- Programa de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas: o voluntariado axudou nas tarefas de recibir, clasificar e empaquetar todos os produtos que posteriormente son repartidos para aquelas persoas que os necesitan.
- Maiores pola Igualdade: a combinación de idade e xénero fan máis vulnerables ás mulleres maiores. O obxectivo principal desta actividade foi sensibilizar ás persoas maiores sobre a desigualdade de xénero e as súas consecuencias.
- "Os meus ollos son os teus": o voluntariado acompañou ás persoas maiores en actividades como:
- "Vou ler contigo": actividades enfocadas a reforzar a memoria lendo libros para aumentar a creatividade e imaxinación, sensación de benestar, entretemento, aumentar a capacidade de concentración, etc.
- "Os saberes dos nosos maiores": o voluntariado fixo unha recolección de refráns populares galegos e receitas tradicionais das avoas.
- Xogos de memoria: xogos de mesa (dominó e cartas), quebracabezas, completar frases, encontrar ás diferencias, etc.