A asociación de empresarias e empresarios de Verín, Aever, reivindicou, coa súa gala de Nadal e entre a cativada verinense, a importancia de mercar no comercio local.
Nun participativo evento no pavillón polideportivo, tanto presentadora -Isabel Risco-, como o resto de artistas convidados -agás a acróbata Sue Moreno que, evidentemente, non falaba-, Mago Teto e Cé Orquestra Pantasma (César Freiría), aproveitaron varios dos divertidos momentos do certame para sementar, na cachola dos cativos, a idea de manter vivo ao comercio local, convidando a realizar as últimas compras para a celebración dos Reis Magos nas tendas da vila.
Tendas que abrirán este domingo para todos, incluso para aqueles ou aquelas que aínda non teñan completadas as compras do día 6.
A gala de Nadal de Aever rematou coa visita dun xa personaxe icónico destas datas en Verín, o ratiño Pérez, que recibiu unha calorosa benvida dos pequenos que se achegaron ata o pavillón verinense.
FOTOS: Noelia Caseiro.
O ilusionista Mago Teto.
Sue Moreno asombrou, coas súas acrobacias, aos pequenos que se achegaron ata o pavillón.
A presentadora do certame, Isabel Risco.
O vigués César Freiría é Cé Orquestra Pantasma.
Centos de nenas e nenos abordaron ao ratiño Pérez ao remate da gala de Nadal de Aever.
