O desfile de Verín volveu demostrar que aquí o Entroido non se explica, vívese. As rúas enchéronse de cor, música e imaxinación nun percorrido no que tradición e actualidade camiñaron da man.
Non faltaron os emblemáticos do Entroido de Verín, os cigarróns, encabezando o desfile e facendo soar as chocas e mantendo viva a esencia dunha das celebracións máis auténticas de Galicia.
A fantasía chegou subida a unha espectacular carroza inspirada na película Coco, que fixo cantar e bailar ao público ao ritmo da música e da emoción.
Houbo tamén espantapaxaros, loros cheos de cor, aviadores preparados para despegar, superheroes de todas as galaxias, os grupos ABBA, Locomía e Celtas Cortos e ata a inconfundible Pantera Rosa, que se deixou ver entre aplausos e fotografías.
Pero se algo define este desfile é a súa retranca. A crítica social estivo moi presente, con referencias á xestión dos incendios e unha boa dose de sátira sobre o confinamento das galiñas, demostrando que o humor é tamén unha ferramenta para reflexionar.
Tradición, espectáculo, denuncia e, sobre todo, ganas de pasalo ben. Porque se algo quedou claro é que aquí, cando chega o Entroido, a imaxinación non entende de límites.
Nunca faltan as plumas, a cor e o brillo. | FOTOS: Anabel G. Simón.
