A tarde de sábado previa á celebración dos Maios tivo dúas importantes citas. Unha, na igrexa parroquial de Verín, onde a Orquestra do Conservatorio de Música local ofreceu o seu xa tradicional concerto solidario, co que se pretendía recadar fondos para Cáritas Ourense.
A igrexa rexistrou un cheo case completo.
Poucos minutos despois de que rematase o concerto, comezaba na Praza García Barbón a homenaxe ao máis destacado impulsor dos Maios na vila, Enrique Gómez Pato. Edelmiro de Mateo, autor do libro que escribiu co gallo da presentación da talla de madeira do primeiro -obra do ebanista Gerardo Fernández-, exerceu de mestre de cerimonias. Falaron Plácido Romero Bernardo, un estudoso da figura do polifacético Gómez Pato; o rexedor Gerardo Seoane; Gerardo Fernández, José Ramón González Sola "Fan - Fan", e os fillos do homenaxeado, Antonio Gerardo e Luis Aurelio.
Rematou o acto co descubrimento do busto de Enrique Gómez Pato, obra de Gerardo Fernández, que quedará xa para a lembranza da súa obra na Biblioteca Municipal de Verín.