A Gala da Igualdade celebrouse no Auditorio Municipal de Verín, nunha edición que combinou cultura, compromiso social e talento local para reivindicar os valores de xustiza, igualdade, inclusión e non discriminación. A iniciativa, organizada polo Conservatorio Profesional de Música de Verín (CMUS), a súa ANPA e o Concello de Verín, estivo dedicada este ano a Santa Icía, patroa da música e das persoas músicas.
O programa destacou pola diversidade e polo protagonismo da creación local. O alumnado do CMUS abriu a velada coa actuación “O meu primeiro concerto”, unha mostra do talento emerxente das novas xeracións da vila.
Un dos momentos máis simbólicos da noite foi a inauguración da nova aula “Homenaxe a quen loita pola igualdade”, un espazo creado para recoñecer o labor de persoas e colectivos comprometidos coa defensa dos dereitos e a igualdade real.
O público tamén gozou das intervencións de KUARTETAS e do Grupo da Banda de Gaitas Nova Era, que completaron a parte musical dunha cita xa consolidada no calendario cultural verinés.
Como é tradición, a gala pechou cun momento de convivencia: unha chocolatada final que reuniu asistentes e participantes para celebrar en comunidade os valores que inspiran este encontro anual.
FOTOS: Noelia Caseiro.
