A participación do alumnado do IES Xesús Taboada Chivite en programas de intercambio escolar internacionais vén de lonxe. Desta vez, o proxecto realízase xunto co colexio Jean Rostand Draguignan, de Francia; un proxecto que xira en torno á saúde mental e o benestar emocional do alumnado e do profesorado.
Alumnado de ambos centros xa están traballando. Hai uns días chegaban os hóspedes franceses e, durante esta semana, 24 alumnos e alumnas de Francia e de Verín desenvolverán o seu proxecto "Mind your Mind". Logo, en maio, será o alumnado verinés quen visitará Draguignan para rematar un proxecto que pretende favorecer a inclusión e a igualdade de oportunidades.
"Coida a túa mente" é un proxecto realizado polo propio alumnado que busca establecer indicadores de benestar emocional e saúde mental que axuden a crear un ambiente escolar positivo e seguro; ademais de divulgar boas prácticas que contribúan a mitigar mitigar os posibles efectos provocados por situacións acontecidas no ámbito académico, persoal e social do alumnado.
Ao longo destas xornadas de convivencia en Verín, o alumnado participa en diversas actividades. Non só as encamiñadas a desenvolver o propio proxecto, como os obradoiros de lingua de signos, primeiros auxilios ou educación emocional; tamén actividades lúdicas que fornecen a relación, como a visita con picnic ao castelo de Monterrei, o obradoiro sobre a figura do Cigarrón ou as visitas para coñecer a riqueza patrimonial da comarca.