FOTOGALERÍA | A comarca berra contra o lume coa terra aínda quente
Medio millar de persoas uníronse este xoves en Verín para mostrar o seu rexeitamento á vaga de incendios que asolou a comarca durante as últimas semanas. A mobilización, convocada pola CIG, enmárcase nunha serie de manifestacións por toda Galicia co lema "un monte galego con futuro".
A decisión de convocar estas protestas non só se debe á gravidade dos lumes, senón tamén a supostas incoherencias na xestión da súa extinción. Segundo denuncian algúns sindicatos e partidos políticos, retiraronse medios no medio da vaga de incendios e houbo equipos da Xunta parados que non se puideron empregar por falta de persoal.
Baixo lemas como "Se queimades o rural, imos ata a capital", "Con este goberno estamos no inferno" e o xa coñecido "Nunca máis", os e as manifestantes clamaron pola necesidade de medidas urxentes e un cambio radical nas políticas ambientais, agrogandeiras e forestais. Durante a lectura do manifesto, Rosa Rivas, bombeira forestal no distrito XIV, e Lucas Pardo, voluntario nos incendios, destacaron as principais demandas, entre elas:
-
Creación dun único servizo público dependente da Xunta para a prevención e extinción de incendios durante todo o ano, evitando a privatización.
-
Declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia civil das áreas queimadas.
-
Creación inmediata de comisións de traballo conxuntas entre a administración, titulares de montes, representantes sindicais e organizacións agrarias e ambientais para xerar proxectos de recuperación e posta en valor do monte.
-
Suspensión da temporada de caza e pesca nas zonas afectadas e veciñas para permitir a rexeneración dos ecosistemas.
-
Implementación de medidas que contribúan a fixar poboación no rural.
Denuncian que a Xunta de Galicia siga entregando o monte galego como obxecto de especulación e como chan barato para as multinacionais enerxéticas, mineiras e forestais na procura do seu lucro privado. Reclaman que non se aproveite a situación para favorecer os intereses destes lobbies, e esixen unha moratoria indefinida para a plantación de eucaliptos e outras especies pirófilas, dando alternativas e figuras de protección ambiental.
A cidadanía congregada fronte ao Concello de Verín fixo unha chamada á acción para que as administracións tomen medidas efectivas e coordinadas que garantan a prevención e a protección do patrimonio natural galego.