FOTOGALERÍA | Aprendendo a salvar o monte: unha xornada para non esquecer
Os colexios da comarca de Verín-Monterrei e dos municipios da Gudiña e da Mezquita participaban este venres na primeira “Xornada escolar de loita contra o lume”, organizada pola Consellería do Medio Rural e Diario do Támega, coa colaboración do Concello de Verín, Cabreiroá e Hortoverín.
A xornada comezou no Auditorio de Verín cunha charla formativa impartida por axentes medioambientais e técnicos do Distrito Forestal XIV Verín-Viana, na que tamén participaron o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e o xefe do Dispositivo de Investigación de Incendios da Garda Civil de Verín, Roberto Quintairos. Nela, o alumnado aprendeu conceptos clave sobre os incendios forestais, como actuar en caso de detectalos, e cales son os riscos e consecuencias que implican tanto para o medio ambiente como para a economía.
O obxectivo da iniciativa é concienciar dende a infancia sobre a importancia da prevención dos lumes e dar a coñecer os dispositivos e profesionais que traballan na súa extinción. A aprendizaxe completouse coa visita á base aérea transfronteiriza Oímbra-Verín, onde os escolares descubriron os medios aéreos de extinción e participaron en obradoiros prácticos.