A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou este martes en Monterrei nunha acción de reforestación no monte da Caridade, onde puxo en valor o labor da Xunta na recuperación das zonas danadas polos incendios de 2025. Na visita estivo acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro.
A actividade foi organizada pola asociación Amicos en colaboración con Vegalsa Eroski e desenvolveuse nunha área afectada pola vaga de lumes do pasado ano. Durante a xornada, a conselleira destacou a importancia desta actuación tanto pola recuperación ambiental como pola sensibilización da poboación máis nova arredor do coidado da natureza.
Na iniciativa participaron máis dun cento de alumnos de tres centros educativos da contorna, co obxectivo de divulgar a riqueza forestal de Galicia e fomentar a conciencia ambiental entre as novas xeracións.
A acción consistiu na plantación de máis de 2.300 exemplares de piñeiros, cerquiños e carballos nunha superficie superior ás dúas hectáreas, co fin de favorecer a rexeneración deste terreo afectado polos incendios do pasado verán.
María José Gómez enmarcou esta actividade dentro das medidas impulsadas polo Goberno galego para apoiar a recuperación forestal. Neste sentido, lembrou a convocatoria dunha nova liña de axudas dotada con preto de 8,5 millóns de euros para a reforestación tras corta de madeira.
A titular de Medio Rural sinalou ademais que o prazo para presentar solicitudes permanece aberto ata o 7 de maio. Segundo explicou, trátase dunha tripla liña de apoio dirixida á reforestación produtiva con coníferas, con frondosas e tamén con chopo.
Poderán beneficiarse destas achegas os titulares dos terreos afectados, as comunidades de montes veciñais en man común, as agrupacións forestais de xestión conxunta e as persoas silvicultoras activas inscritas no rexistro correspondente. O financiamento executarase durante este ano e o vindeiro.
FOTOS: Noelia Caseiro.
