Non importa o tarde que sexa cando de devoción se trata. E, se non, que llo pregunten a vintena de persoas que este martes pola noite se citaron na igrexa de Mixós para participar nunha nova edición da súa procesión das candeas na honra ao Santo Cristo, e tamén á Virxe dos Remedios.
A idea de que saian a esa hora, ás 21:00, foi de Nelson Fernández "Fiti", quen dende hai uns sete anos suxeriu celebrar esta procesión pola noite para que "todos os que traballan poidesen acudir a ela".
Don Óscar Martínez oficiou a misa previa e acompañou aos veciños polo percorrido. Amosouse moi cercano a todos eles na súa homilía, na que dixo "que aínda que non estemos tantas veces como queremos ao voso carón porque cada vez as dificultades son máis, non esquezades que sempre estamos con vós", sinalou.