FOTOGALERÍA | A ilusión dos Reis Magos encheu de alegría a comarca
A choiva non impediu que as súas Maxestades os Reis Magos de Oriente visitaran as aldeas da bisbarra para levar a ilusión a grandes e pequenos. Con algún cambio de plan de última hora, Melchor, Gaspar e Baltasar percorreron distintas localidades para recibir á cativada e darlles os agasallos que adiantaban a ilusión da noite máis agardada do ano.
En Vilardevós, Melchor, Gaspar e Baltasar camiñaron ao son dos bombos e das gaitas da Escola de Música polas rúas ata chegar á residencia de maiores local e, despois, foron ata a Casa da Cultura para desfrutar da tarde coas nenas e nenos que os agardaban con anhelo. En Oímbra apuraron o paso para ter tempo de visitar cada unha das aldeas do municipio antes de que a choiva fixera acto de presencia; e pararon a falar con todas as persoas que saíron velos, sempre acompañados por Ana Villarino.
A veciñanza de Riós comezou os festexos un día antes coa tradicional homenaxe á tía Pilar nos cantares de Reis en Florderrei; unha xuntanza para lembrar e cantar as melodías do "Cancioneiro das Terras de Riós" de Xosé Lois Foxo. E o domingo, as súas Maxestades Reais pasaron a tarde coa cativada, repartindo alegría e agasallos. A Casa da Viúva da Gudiña foi o lugar onde Melchor, Gaspar e Baltasar recibiron á cativada con agasallos e unha tarde de xogos.
En Laza, os Reis Magos visitaron o Belén vivente antes de escoitar a cada un dos nenos e nenas que os agardaban con ilusión para contarlles todo o que lles pedían na noite máis máxica do ano.