FOTOGALERÍA | Así se conmemora o 8M na comarca
A nosa comarca celebrou o Día Internacional da Muller con diferentes actos institucionais e iniciativas reivindicativas nos distintos pconcellos, nos que se puxo en valor o papel das mulleres na sociedade e a necesidade de seguir avanzando cara á igualdade real.
En Verín, a Praza do Concello acolleu un acto institucional organizado polo Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Verín, coa colaboración de entidades sociais da comarca. A xornada incluíu unha concentración aberta á veciñanza e a lectura dun manifesto reivindicativo, nun encontro pensado como espazo de reflexión e compromiso coa igualdade entre mulleres e homes.
No concello da Mezquita, a programación do 8M incluíu tamén un acto simbólico coa lectura do manifesto institucional, no que se reivindicou a igualdade de dereitos e oportunidades e se lembrou a importancia de continuar traballando contra as desigualdades e a violencia machista.
En Viana do Bolo, a conmemoración centrouse na presentación dunha exposición vinculada ao mural dedicado ás mulleres, no que se recollen imaxes e referencias femininas como símbolo de recoñecemento e visibilidade.
Pola súa banda, en Vilardevós, o CDR Portas Abertas impulsou unha iniciativa participativa a través do programa de igualdade DELAS, coa realización dun mural conmemorativo polo Día Internacional da Muller. A actividade contou coa colaboración da comunidade educativa e social do municipio, entre eles o CEIP Rodolfo Núñez, a Casa Niño Lala, a Casa Niño Garabatos e o Centro Residencial e Centro de Día de Vilardevós.
Os diferentes actos celebrados ao longo da comarca volveron demostrar o compromiso das institucións, entidades e veciñanza coa reivindicación dos dereitos das mulleres e coa construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.