Hoxe é a data na que os cemiterios de todo o territorio locen máis engalanados. Todos os que estamos por aquí lembramos con maior intensidade aos que nos deixaron, aínda que de seguro nunca se deixa de facelo. Un equipo de Diario do Támega visitou varios dos camposantos da comarca, onde descubriu no só unha destacada arquitectura en moitos deles, senón grande parte da historia da comunidade que as familias quixeron contarlle aos vivos que os visitan de xeito moi diferente. Dende cálidas mensaxes gravadas en mármores negros, lápidas de metal en relieve ou elementos moi representativos do finado, alén de verdadeiras obras de arte por mausoleos merecen o noso recoñecemento dende o máis profundo sentimento de respecto e consideración a todos os que temos unha razón para achegarnos ata o cemiterio hoxe ou todos os días do ano.
Iván Iglesias visitou os cemiterios de Albarellos (Monterrei) e Verín. E isto foi o que esa visita lle evocou:
Teño a sorte de poder entrar nun cemiterio e sentir unha total indiferenza. Incluso naqueles nos que sei que hai persoas coñecidas e queridas por min ou polos meus familiares. Entendo que ao non ter vivido unha perda que de verdade mudase a miña vida ten algo que ver.
Por iso sorprendeume que, ao quitar as fotos para elaborar esta galería, houbese algo nesas lápidas que me chamara a atención. Agardaba ver mensaxes previsibles, datas, algún centro de flores fermoso... Mais non contaba con atopar epitafios que de verdade significasen algo. Mensaxes ou citas que reflectían o agarimo co que foron alí depositadas. Nalgún caso tamén algún obxecto importante para o falecido.
Cando algunha desas palabras facían que empatizase cos seres queridos da persoa que alí xacía dábame por mirar a data do pasamento. E a miúdo atopaba números que correspondían a hai décadas. Sorprendíame porque os sentimentos que me transmitían estaban moi vixentes, e pensei que quizais para as persoas que viviron esa morte tamén, anos e anos despois. O tempo pasa, as persoas deixan pegada e as lembranzas quedan. Por sorte!
Camposanto de Oímbra
Desbordado de flores e cores, vestido de gala para festexar o dïa de Todos os Santos atópase, como así será noutros moitos lugares, o camposanto de Oímbra. Sempre tiven a sensación, cando acudo a un cemiterio, de estar pisando un lugar tétrico e lúgubre. Hoxe non foi a excepción, pero teño que recoñecer que ‘de etiqueta’ se ve doutro xeito, máis acolledor que nunca. O certo é que son un reflexo do pasado da sociedade que viviu nun lugar e dando unha volta polos arredores descubrirás moito sobre onde vives.
Esas catro paredes -literal, xa que se trata dun cemiterio moi pequeno- son testemuñas, cada día e cada noite, da pegada que moitos deixaron. Alí, no alto da aldea, onde se atopa, conviven lápidas das máis antigas -do 1884- ás máis recentes -de hai apenas medio mes-. Dos máis ostentosos, aos máis humildes… Dos
máis maiores, aos máis novos… Dos máis decorados -incluída a oportuna festividade do Samaín-, aos máis sinxelos. Formas curiosas á vista, figuras que substitúen aos típicos crucifixos, algunhas mensaxes que estremecen, que emocionan… Que dan unha patadiña no corazón que nunca remata, tal e como fan os recordos de quen alí descansan.
Eses recordos, de toda unha vida, de case un século e medio, que agora viven para sempre nas entrañas de Oímbra. Feliz día de Todos os Santos (María Dapía, xornalista de Diario do Támega).