O Concello de Riós acolleu esta mañá a inauguración do IV Foro da Castaña, organizado pola Deputación de Ourense a través do Inorde e centrado na recuperación do solo tras os incendios forestais. As xornadas, que se prolongarán ata mañá, reúnen produtores, empresas e entidades vinculadas ao sector do castiñeiro.
O presidente do Inorde e deputado de Turismo, Rosendo Fernández, destacou a “cooperación institucional” como clave para desenvolver estas xornadas, impulsadas mediante un convenio coa Consellería de Medio Rural. Fernández cualificou a provincia de Ourense como “gran produtora de castañas”, situando a Riós como zona “referente” do sector, e resaltou a importancia de establecer unha “comunicación áxil” entre todos os axentes implicados na cadea da castaña, desde produtores ata industria e propietarios.
A alcaldesa de Riós, Eva Barrio, subliñou a relevancia de potenciar o sector como “parte da nosa esencia e da nosa identidade, a herdanza dos nosos antepasados”. Pola súa banda, a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, destacou o apoio da Xunta de Galicia ao sector, tanto en axudas aos produtores como na promoción de produtos, e comprometeuse a seguir impulsando o castiñeiro como recurso histórico e económico do territorio.
A apertura do programa académico correu a cargo de Servando Álvarez, técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde en Xinzo de Limia, que explicou o impacto dos incendios no solo e sinalou que a rexeneración natural dun chan devastado pode tardar até un millón de anos. Álvarez destacou a importancia de evitar a degradación do solo mediante coberturas vexetais ou plantación de especies herbáceas.
Durante a xornada, tamén se abordaron temas como a mellora xenética do castiñeiro, o tratamento da madeira e a xestión de soutos, así como a diversificación de variedades de castaña en España. A chef Begoña Vázquez, Premio Cociñeira Galega 2024, protagonizou un showcooking técnico con castañas, completando a programación práctica do foro.
Mañá, a segunda xornada inclúe unha visita técnica a Trancoso (Portugal), onde os participantes coñecerán os proxectos LIFE FAGESOS e o Banco de xermoplasma de castiñeiro, así como plantacións modelo e variedades autóctonas da rexión.
FOTOS: Noelia Caseiro.
