FOTOGALERÍA | A ilusión dos Reis Magos percorreu Oímbra este 5 de xaneiro
A maxia do Nadal viviuse intensamente en Oímbra este 5 de xaneiro coa visita dos Reis Magos, que percorreron durante a mañá diferentes aldeas e centros do concello levando alegría, ilusión e moitos sorrisos.
Melchor, Gaspar e Baltasar comezaron a súa ruta por Videferre, Espiño, Bousés, Casas dos Montes, A Granxa e as Chás, onde foron recibidos con entusiasmo polos veciños e veciñas. A continuación, achegáronse ao Centro de Día de Oímbra, compartindo un momento moi especial coas persoas usuarias, cheo de agarimo e emoción, seguindo o seu percorrido cara Rabal e Terrón.
A visita continuou na Escola Infantil, onde a cativada puido saudar aos Reis e vivir de preto un dos momentos máis esperados do ano, deixando tras de si ilusión, bos desexos e a esencia da tradición.
Xa pola tarde, e logo da visita a San Cibrao e ao Rosal, a celebración trasladouse ao Pavillón Municipal de Oímbra, onde os Reis Magos recibiron á cativada para facer entrega dos agasallos e de caramelos para todos. Un encontro cheo de nervios, sorrisos e miradas brillantes que puxo o broche de ouro a unha xornada inesquecible.
Un ano máis, Oímbra demostrou que a maxia dos Reis Magos segue moi viva, grazas á participación da veciñanza e ao compromiso por manter unha tradición que une a todas as xeracións.