Poida que haxa outros municipios da contorna aos que aos Reis Magos non lles dé tempo a chegar. Só en Oímbra estiveron case todo o día. Comezaron en Videferre cedo, cara as 10:30 dunha mañá de frío e xeada. Percorreron todas as aldeas do concello cara abaixo, até rematar en Rabal ao mediodía.
Xantaron en Oímbra e chegaron cargados de agasallos pouco despois das cinco da tarde ao pavillón municipal. Alí, ocuparon por un intre o seu lugar no Belén vivente que cada ano protagonizan cativos do concello. Logo, xa no palco, cun paxe de sona -a alcaldesa Ana María Villarino Pardo-, comezaron a chamar un por un ás nenas e nenos de Oímbra, que subiron a saudalos e recoller o seu presente.
Pais, nais e algún curioso, mentres, daban boa conta dun chocolate ben quente con churros preparado polas irmás Loureiro -si, si, as mesmas que no verán friten pementos-.
As súas maxestades abandonaron o pavillón olimbriguense cara as sete da tarde, co tempo ben xusto para chegar aos outros concellos do val.