Este mércores 26 de xullo, Ana Villarino cumpría coa promesa que fixo aquel fatídico 14 de agosto de 2022 -tralo tráxico incendio que destruía a Capela da Santa Ana- e conseguía que os veciños de Oímbra festexaran a festa da súa patroa coma cada ano nunha xa totalmente restaurada e renovada capela.
O día comezaba ben temperán, ás 8:00 horas partía da Praza da Igrexa a procesión encargada de levar a nova imaxe da Santa Ana ata a capela. Pouco máis dunha hora despois, chegaban os fieis e daban pé o inicio dunha misa solemne conducida polo obispo de Ourense, José Leonardo Lemos. Antes disto, Ana Villarino quixo dedicarlle unhas palabras a todos os veciños e veciñas e agradecerlle á Xunta de Galicia o seu apoio dende o primeiro día tralo incendio.
Tralo remate da misa, partía de novo unha procesión na que tódolos asistentes, acompañados da música da Charanga Támega, seguían á Santa Ana ata o cruceiro da mesma para terminar levándoa de novo a capela.
Un día cargado de emocións para os veciños de Oímbra que por fin poñen punto e final á gran traxedia que case lles rouba a ilusión polo día da súa patroa.
A celebración desta festa foi posible grazas ás actuacións de restauración que se levaron a cabo mediante un convenio de colaboración entre o Concello e a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, no que a Xunta investiu preto de 140.000€.
As obras consistiron na reparación das estruturas e da cuberta da igrexa. Para iso, fixéronse traballos de carpintaría, albanelaría e cantaría co fin de recuperar a imaxe deste templo altomedieval incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.
A capela que está localizada ao carón da Vía da Prata, foi construída para agradecer á santa que os veciños de Oímbra se salvasen da persecución dos exércitos portugueses. Ademais, tal e como se evidencia pola súa estrutura, crese que foi un eremitorio altomedieval.