Xenuína festa a do Luns de Adegas do entroido de Oímbra, unha tradición ben querida pola veciñanza que abre as portas das súas casas para agasallar a entroideiras e entroideiros con viño, bica e viandas. Unha mostra de hospitalidade que cada ano atrae a máis visitantes.
A de onte foi unha xornada multitudinaria; dende as catro da tarde ducias de adegas ofreceron petiscos aos centos de visitantes que percorreron as rúas ao son da música das charangas nun ambiente que destilou divertimento ata ben enttrada a noite.
Daquela reducida festa entre veciños e veciñas pouco queda, o Luns de Adegas xa é cita ineludible do entroido na comarca. Cada vez son máis as persoas que asisten a un festexo que tira dos produtos da terra, co seu excelente viño como protagonista.
Oímbra porá hoxe o punto final ao seu Entroido coa tradicional queima dos fachucos e do Entroido, outro dos ancestrais festexos que manteñen vivo co lume como protagonista. Consulta aquí o programa.
Ducias de adegas ofreceron petiscos e viño aos centos de visitantes que percorreron as rúas ao son da música das charangas. | FOTOS: Cedidas.
As charangas CLK e NBA foron as encargadas de pór a música ao percorrido.
A festa durou ata ben entrada a noite.
Ás catro e media da tarde a veciñanza de Oímbra abría as portas das súas adegas.
