Expertos de Galicia e Portugal debaten en Ladairo o potencial da bioeconomía no rural galego | NOTICIAS VERÍN
Bodegas Ladairo, en Oímbra, foi escenario este mércores dunha visita institucional encabezada polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, con motivo da xornada de lanzamento do proxecto europeo GreenSeed. O representante autonómico estivo acompañado pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, nun acto no que tamén participou a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, ademais doutros rexedores da comarca.
A cita desenvolveuse nas instalacións da adega, convertidas durante a mañá no punto de encontro entre representantes institucionais e entidades vinculadas ao emprendemento e á cooperación transfronteiriza. A visita a Ladairo concentrou boa parte do protagonismo da xornada, ao tratarse dun espazo referente no sector vitivinícola da comarca de Monterrei.
GreenSeed é unha iniciativa liderada pola Xunta de Galicia e financiada a través do programa Interreg España-Portugal (POCTEP). O proxecto busca reforzar o ecosistema transfronteirizo de apoio ao emprendemento en bioeconomía mediante a colaboración entre Galicia e o norte de Portugal.
No consorcio participan tamén a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Juana de Vega, a Comunidade Intermunicipal do Alto Tâmega e Barroso, a Associação de Desenvolvimento da Região do Alto Tâmega e o Instituto Politécnico de Bragança.
Durante o acto, o conselleiro destacou o potencial desta iniciativa para xerar oportunidades de emprego de calidade, favorecer a retención de talento e dinamizar o rural, especialmente en sectores ligados aos recursos naturais e ao territorio.
O proxecto desenvolverase ata 2028 e centrarase no impulso da bioeconomía en ámbitos como o agroalimentario, forestal, agroecolóxico e bioenerxético, con actuacións en catro áreas piloto a ambos lados da fronteira.
A xornada deixou tamén imaxes da presenza institucional en Bodegas Ladairo, cun percorrido polas instalacións e encontros cos asistentes nun dos espazos empresariais máis coñecidos do municipio de Oímbra.