O CEIP O Castiñeiro de Laza vén de poñer en marcha o seu novo Proxecto Documental Integrado (PDI) baixo o título “Latexo Verde”, unha iniciativa nacida da biblioteca escolar e que envolve a toda a comunidade educativa. O obxectivo é concienciar sobre a problemática dos incendios forestais e poñer en valor a riqueza natural da contorna de Laza, tanto na súa flora coma na súa fauna.
Un proxecto nacido das cinzas
A elección do tema non é casual. Durante o pasado verán, unha vaga de incendios forestais afectou boa parte da paisaxe da comarca, deixando unha fonda pegada emocional e ambiental. A partir desa ferida, a comunidade educativa decidiu transformar a dor en aprendizaxe e esperanza, convertendo o lume en semente de futuro.
“Quixemos que o alumnado entendese que o monte tamén sente, que cando arde pérdese parte do que somos. Este proxecto é unha maneira de reconstruír, de volver facer medrar a vida e a conciencia ecolóxica desde a escola”, explica Juanlu Rivero, director do centro.
“Pero o máis importante é que o faremos entre todos: profesorado, alumnado e familias. Sen esa unión, o Latexo Verde non tería sentido”.
Aprendizaxe activa e compromiso ambiental
O proxecto comezou dunha maneira moi especial. O alumnado recibiu unha caixa chea de elementos naturais e unha carta do Raposo Fachón, a mascota da biblioteca escolar, que lles pedía axuda para coidar e recuperar o monte. Aquela chamada de socorro converteuse no punto de partida dun traballo interdisciplinar cheo de ilusión e creatividade.
Entre as primeiras accións realizadas destaca a elaboración de bombas de semente con landras, destinadas á recuperación das zonas queimadas. Ademais, coa colaboración dun pai do alumnado, o colexio organizou unha saída á área afectada polo lume, onde realizaron diversas tarefas ambientais:
-
lanzamento das bombas de semente,
-
esparexemento de palla para evitar a erosión do solo,
-
plantación de nabos e
-
delimitación dunha parcela de estudo para observar a evolución natural do terreo.
Tamén se instalou unha cámara de fototrampeo para rexistrar o posible regreso da fauna á zona.
A forza da biblioteca escolar
“Desde a biblioteca escolar traballamos para que cada proxecto naza do corazón do alumnado”, sinala Carolina Palomanes, coordinadora da biblioteca.
“O Latexo Verde é unha oportunidade para investigar, ler, escribir e, sobre todo, sentir que o coñecemento serve para mellorar o mundo real. Cada actividade, cada historia que se le ou se crea, latexa con ese compromiso ambiental”.
As familias, parte do cambio
Tamén as familias se implicaron de cheo neste proxecto. José Antonio Pazos “Ñaka”, presidente da ANPA e xerente de Mel Aialma, recoñece que Latexo Verde traspasa as paredes da escola:
“Os nenos e nenas chegan á casa falando do monte, das árbores e dos animais, e iso contáxiase. Como pais, vémonos implicados, axudando, aprendendo e colaborando. A escola de Laza é un exemplo de como cando todos traballan xuntos —mestres, alumnado e familias— conséguense cousas extraordinarias”.
Un latexo común pola natureza
Baixo o lema “Galiza sempre cun latido verde”, o Latexo Verde é moito máis ca un proxecto educativo: é un movemento colectivo que conecta a educación coa vida, a natureza coa emoción e a aprendizaxe coa responsabilidade compartida.
O CEIP O Castiñeiro de Laza volve demostrar así que unha escola comprometida pode facer brotar esperanza mesmo entre as cinzas, sementando conciencia e futuro nas novas xeracións que medran entre as montañas da Terra do Entroido.
FOTOS: CEIP O Castiñeiro
