O CEIP O Castiñeiro, de Laza, obtivo o 3º Premio ConVivimos 2025, outorgado pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia. O centro foi o único da provincia de Ourense recoñecido nesta edición, un premio que consolida a súa traxectoria como escola rural innovadora e comprometida coa convivencia e co benestar emocional. Este novo galardón súmase a catro cursos consecutivos acumulando recoñecementos, entre eles dous premios no certame Ponte… nas Ondas! e o premio autonómico ao mellor podcast escolar, unha progresión que evidencia a coherencia e a evolución do seu proxecto educativo.
A memoria presentada, titulada "Voces que medran xuntas: a escola como comunidade emocional, cultural e inclusiva", reúne máis de 60 actuacións educativas e máis de 80 evidencias creativas que integran iniciativas como a radio escolar, a recuperación das tradicións locais, os patios inclusivos, actividades interxeracionais, lectura viva e propostas STEAM. O nivel de participación é practicamente total: involucra o 100% do alumnado e do profesorado e máis do 90% das familias, ademais dunha implicación estable das entidades locais.
O centro destaca por converter o seu contexto rural nun motor pedagóxico baseado na proximidade, nos vínculos comunitarios, na identidade cultural e no acompañamento emocional. Accións como Radio Fachón, o Folión dos Nenos, a celebración do Maio, o traballo co Centro de Día Solleira ou as rutas cooperativas exemplifican este modelo educativo.
O director, Juan Luis Rivero, con preto de 15 anos ligado á dirección, salienta que este premio é froito dun traballo colectivo que implica a toda a comunidade. Pola súa parte, a mestra Carolina Palomanes, responsable da biblioteca escolar e do PDI Latexo Verde, destaca que a conexión entre emoción, cultura e aprendizaxe contribúe a crear unha escola onde o alumnado se sente acompañado e valorado. Ambos docentes subliñan que este recoñecemento reafirma que as escolas pequenas tamén poden ser referentes en innovación, convivencia e participación comunitaria, e avanzan a intención de fortalecer a biblioteca e a radio escolar, ampliar os intercambios con outros centros rurais e crear novos espazos de acompañamento emocional.
O premio, dotado con 1.000 euros, permitirá reforzar as liñas xa iniciadas e continuar medrando en propostas de convivencia positiva. Para a comunidade educativa de Laza, este novo recoñecemento confirma o valor dun modelo de escola rural humilde, arraigada e profundamente humana, que continúa acadando un notable recoñecemento autonómico.
