O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, compareceu esta mañá na comarca da Gudiñapara denunciar a “irresponsabilidade total” do presidente Alfonso Rueda diante da ameaza dos incendios forestais. Durante a visita ao monte comunal do Tameirón, recentemente afectado polos lumes, advertiu de que Galicia corre o risco de repetir a situación do verán pasado, cando arderon 170.000 hectáreas, a maior cifra rexistrada na historia recente.
Acompañado pola deputada Carmen Rodríguez Dacosta, polo secretario provincial Álvaro Vila e por dirixentes socialistas da zona, Besteiro expuxo varios datos que, ao seu xuízo, evidencian que a Administración autonómica non corrixiu os erros detectados na campaña anterior. O máis significativo, segundo explicou, é a perda de 13 millóns de euros en prevención, correspondentes a unha convocatoria de reforestación con 15 millóns dispoñibles, da que só se solicitaron 2 millóns por non atender a Xunta as advertencias sobre deficiencias na orde.
Besteiro tamén sinalou os atrasos nas axudas para accións de prevención en montes veciñais, dotadas con 5,4 millóns de euros e publicadas en decembro de 2024. O obxectivo era que estivesen activas no verán seguinte, pero a aprobación produciuse agora, dous anos máis tarde, con 283 expedientes que inclúen a creación de 1.000 hectáreas de cortalumes, miles de hectáreas de rozas e máis de 800 quilómetros de pistas forestais. Parte destas áreas arderon mentres se agardaba a súa resolución, e agora deberán executarse nun prazo de catro meses, fronte aos 17 previstos inicialmente.
Segundo o líder socialista, a situación complétase coa eliminación directa da convocatoria de 2026, o que supón a perda doutros 4 millóns destinados á prevención. Ademais, permanecen en licitación 3 millóns de 2024 en montes conveniados, e as convocatorias de 2025 e 2026 tamén foron suprimidas. Para Besteiro, este conxunto de decisións representa un patrón de abandono que deixa o monte galego desprotexido.
Durante unha reunión cos responsables dos montes mancomunados de Tameirón e O Cañizo, lembrou que o Plan de Prevención e Extinción de Incendios acumula un atraso de seis meses na súa aprobación, o que implica un incumprimento legal. Advertiu, ademais, de que a provincia de Ourense xa está a rexistrar incendios no Xurés, en Viana e en Monterrei neste mes de marzo, fóra da campaña estival.
Besteiro concluíu que, con 13 millóns perdidos e 5,4 millóns bloqueados, o presidente Rueda será o “único responsable” se Galicia volve sufrir un escenario crítico. Por iso reclamou unha reacción urxente antes do inicio da campaña de verán.
FOTOS: Noelia Caseiro.
