NOTICIAS VERÍN | 'Bibopalula, o espectáculo' chega a Verín o 21 de xuño

O espectáculo infantil da serie 'Bibopalula' estrearase o 7 de xuño na Coruña e realizará unha xira por toda Galicia, con parada no Auditorio de Verín o 21 de xuño. Tanto a serie como o espectáculo contan co apoio da Xunta de Galicia, que subvencionou a produción do contido audiovisual. A marca Deleite súmase tamén como patrocinador principal á xira do espectáculo.  As entradas xa están á venda en www.bibopalula.gal

Ainé é a produtora deste espectáculo musical de gran formato, que é unha adaptación para as táboas da serie 'Bibopalula', producida por Undodez e a Televisión de Galicia. A serie foi estreada en novembro en Xabarin.gal e converteuse no contido máis visto da plataforma en poucos días. O espectáculo está dirixido e é a autora da dramaturxia Marta Lado, e protagonizado pola actriz Lidia Veiga, quen ven de gañar o Premio María Casares á mellor actriz protagonista.

Presentación do espectáculo infantil da serie 'Bibopalula'.

 

Lidia Veiga interpreta a Ava, unha experta observadora de paxaros, alegre, curiosa e aventureira, que anima ás pequenas e pequenos espectadores a prestar moita atención sobre o que acontece entre as árbores. Estará acompañada sobre o escenario por Cristina Andrade, Graciela Carlos, Sara Ferro e Nerea Rodríguez, encargadas de dar vida a Pegui, Carpin, Merli e Robin, a Banda do Bosque. A Banda do Bosque recibe de parte do Señor Moucho a misión de atopar un misterioso tesouro, enfrontándose a distintos atrancos e momentos emocionantes ao redor de todo o que ofrece a natureza no bosque.

Equipo do espectáculo infantil da serie 'Bibopalula'.

 

O espectáculo incluirá doce cancións orixinais xa coñecidas polo público de Bibopalula, que multiplicarán o seu atractivo con coreografías, efectos especiais e un espectacular deseño de iluminación. O equipo da proposta complétase con Martina Cambeiro no deseño de vestiario, Santi Jul e Iván Laxe na musicalización e ambientación sonora, Gonzalo Porteiro no deseño de iluminación, e Laura Mahía e Banale na dirección de arte. Este é o primeiro proxecto teatral infantil en dez anos de traxectoria de Ainé, producido por Álvaro Pérez Becerra, coa dirección de produción de Elisa Martínez e a produción en xira de Miguel Vázquez e Alba Gilda.  

Xosé A. Touriñán, produtor do espectáculo, referiuse á importancia de que "desde Galicia apostemos por producir espectáculos ao grande, na nosa lingua, e con equipos galegos".  A xira de 'Bibopalula estenderase durante todo o mes de xuño por distintos teatros e auditorios de Galicia. Estrearase no Teatro Colón da Coruña o sábado 7 de xuño, para visitar despois Santiago (domingo 8), Pontevedra (sábado 14), Vilalba (domingo 15), Verín (sábado 21, Auditorio Municipal), Vigo (domingo 22), Cee (sábado 28) e Ourense (domingo 29). 

Xosé A. Touriñán, produtor do espectáculo 'Bibopalula' durante o acto de presentación.

 

Bibopalula é a primeira serie musical de animación en lingua galega. A primeira temporada da serie, creada por Andrés Mahía e Laura Mahía, conta con 55 capítulos de 5 minutos de duración. Cada un deles remata cunha canción orixinal composta polos músicos Santi Jul e Iván Laxe, ás que é posible acceder a través das plataformas. Nas últimas semanas Bibopalula presentou tamén a súa primeira colección de roupa e un conto infantil que vai camiño de esgotar a súa primeira edición. Undodez traballa nestas semanas da man de distribuidoras internacionais para que a serie chegue a novos territorios en distintos idiomas.