VÍDEO | O Belén da Viruca, de novo, no Salón Parroquial de Verín

Hai un recuncho do Nadal de Verín que non nos podiamos esquecer de visitar. Trátase do Belén da Viruca, un nacemento de grandes dimensións que abruma nada máis velo. Non porque as súas personaxes evoquen algo diferente á serenidade cos seus movementos cíclicos e repetitivos, senón porque dá a sensación de ser inabarcable aos ollos polo seu número de detalles. Trátase dunha visita á que se lle debe adicar tempo e que ten décadas de historia.

A cabeza pensante de Viruca e a dos seus familiares non para! As novidades deste ano, coma sempre, gardan unha homenaxe e un toque de humor. O ano pasado os sanitarios e as normas de precaución, a distancia e a máscara, foron as protagonistas. Desta vez o alcalde, monxas e frailes mercedarios ocupan o plantel de novidades. Que estará a pensar Viruca para o vindeiro ano?

Agardemos que para entón as normas sanitarias estean nun segundo plano e os protagonistas deste Belén poidan volver saír á escena para interpretar de novo o seu papel, nesa altura, sen a máscara reglamentaria. Non perdan o Belén da Viruca un ano máis e desfruten de todos os pequenos e fermosos detalles que nós non fomos capaces de ensinarlles, ou quizáis non quixemos, neste vídeo. Todos os días de 17:00 a 19:00 horas e as fins de semana de 11:00 a 13:00 horas.