Xoves. 28.03.2024

Que Galicia crea en si mesma

Escribira Luís Tobío; “O momento actual da vida de Galicia é, certamente de suma delicadeza. Topámonos na soleira dun novo periodo. Anda a se desface-lo vello Estado español, centralista e infecundo. Novo amencer das terras hispánicas agañotadas. Un mundo novo, unha nova vida temos nas nosas mans. Que non se malogre, que non se nos vai a perdelo nacedeiro!... Coidémolo, agarimémolo. É decir, deámolo ben conta do que debemos facer. Un erro ao comezo sería fatal”.

Pásame moito, cada vez máis, que nas veces que me mergullo na lectura de autores e pensadores galegos de comezos do pasado século, vexo nas súas verbas unha vixencia absoluta, que asiste impertérrita ao estaticismo de Galicia no medio dun mundo dinámico.

Semella pois, que o tempo en Galicia non avanza e as décadas duran na nosa terra o dobre que no resto da Europa. Isto xenera un certo nimbo de resignación a un pobo dezmado na súa natureza pola pouca autoestima.

Para comprendermos ben a vixencia das verbas, certamente acaídas, de Tobío compre que denantes degrallemos o concepto “autoestima”. O galego recoñécese orgullosamente galego cando nas conversas “de taberna” é provocado na súa identidade e estatus. É pois o pobo galego unha colectividade con conciencia diferencial e con amor propio. Como xa dixera Murguía, “en ningún pobo da península é tan marcado o sentimento rexional, coma no noso”, esta verdade infalible, non abonda porén para tratarmos o concepto de autoestima, entendida esta como capacidade política.

Compre pois unha autoconciencia de que Galicia, neste novo tempo que escomeza, non pode ser o apéndice dun corpo superior, nin a parte dun todo. Pois Galicia é por si mesma un todo, unha terra ben definida, con características e necesidades económicas e sociais, as veces opostas as do resto da península

O que en outras nacionalidades como Catalunya ou Euskadi, se amosa como unha conciencia de capacidade política, en Galicia amosase como o que xa denunciaba nas follas d´A Nosa Terra, Florentino Cuevillas como: complexo de inferioridade, “Grave doenza para un organismo nacional enflebecido. Doenza antiga, vella de catro séculos, creadora de toxinas letais, matadora de resistencias, empobrecedora de secrecións, adormecedora de centros nervosos. Morbo treidor que postra o corpo e enche o espirito de espellismos ridículos; o espellismo da unidade española, o espellismo da superioridade madrileña, o espellismo da nosa pretendida inferioridade”. Compre pois unha autoconciencia de que Galicia, neste novo tempo que escomeza, non pode ser o apéndice dun corpo superior, nin a parte dun todo. Pois Galicia é por si mesma un todo, unha terra ben definida, con características e necesidades económicas e sociais, as veces opostas as do resto da península. Non quere dicir isto que Galicia se teña que pechar sobre si mesma, arredarse do mundo, rachar o diálogo cos pobos cos que convivimos en Europa. Se non facerse plenamente europea e mundial como sempre a quixemos os galeguistas: “Galicia, célula de universalidade”. Quere isto sómentes dicir que Galicia ten que ter unha resposta política para si mesma, que pense o país a cincuenta anos vista, un proxecto pensado dende nós. Unha forza de país disposta a facer país.

Moitos partidos teñen usado este lema como propio, “facer país”. A forza que acolle esta expresión non se materializou endexamais en ninguna praxe política. Pois é un feito que o galeguismo, é dicir o nacionalismo galego, aínda non foi quen de gobernar no país

Moitos partidos teñen usado este lema como propio, “facer país”. A forza que acolle esta expresión non se materializou endexamais en ninguna praxe política. Pois é un feito que o galeguismo, é dicir o nacionalismo galego, aínda non foi quen de gobernar no país.

Facer país consiste en rachar cun complexo de inferioridade que describía cun símil clínico don Florentino Cuevillas, complexo aínda inscrito no ADN do país, do pobo. Temos pois que actuar xenerosamente, integrando vontades, aúnando esforzos dos que pensamos distinto, de todos aqueles que pensen que Galicia merece un proxecto para si mesma, pensado dende nós, ideado para resolver e satisfacer as nosas necesidades diferenciáis.

Atopámonos nun novo amencer dos nacionalismos europeístas, primavera que o populismo centralista quere afogar nunha dialéctica reactiva que busca enfrontar aos que por natureza non nos queremos enfrontar a eles, se non deseñar o noso propio futuro. Debemos aproveitar estos ventos de europeísmo dos pobos que sopran dende Escocia e Gales, tornar o discurso galeguista a posición que entende a Galicia como un todo e non como unha parte, facer país para todos.

“Por que somentes así conseguiremos que Galicia crea en nós. Que é tanto como dicir que Galicia crea en si mesma”. (Florentino Cuevillas).

Que Galicia crea en si mesma
Comentarios