OPINIÓN | De cando dicían que perderamos a pericia

De cando o paridoiro de Verín era zona onde semellaba que era "inseguro" parir. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Rogelio Viñán, compañeiro do doutor expedientado, lembra os primeiros días que deron pé ao movimento "Verín non se pecha".

Este luns fará un ano da multitudinaria manifestación polas rúas de Verín, protagonizada polos veciños da comarca de Monterrei, logo de que nos comunicaran o peche do paridoiro do hospital. Quixera intentar recordar o que aconteceu, coa mirada retrospetiva que o paso do tempo nos dá.

Para os veciños, e para nós, aquela decisión pillounos por sorpresa. Aquel 22 de novembro de 2019, nunha rolda de prensa en Ourense, confirmaban o peche, pero non entendiamos as razóns.

As "súas" razóns daquel peche

A eles non, non os pillou desprevenidos. A cuestión é que, para eles, o tema comezou años atrás, cando se viron na obriga de ter que cubrir a asistencia continuada de Xinecoloxía e Obstetricia primeiro, e de Pediatría despois no noso hospital. Eles mesmos, nas súas recapitulacións sinalaban dous anos de descenso dos partos na nosa comarca (89 no ano 2018 e aproximadamente 60 no ano 2019, dicían). A día de hoxe, ao cumplirmos un ano do intento de perpetrar o peche do paridoiro, quero que saibades que sobrepasamos xa largamente os cen nacementos, e aínda quedan días de decembro para rematar a conta. Puntualizo isto, para que vós mesmos vos fagades a pregunta de que foi o que pasou neses dous anos...

O día 25 de Novembro de 2019, os tres representantes que se achegaron á cita con nós, viñan convencidos de ter conseguido a cuadratura do círculo. Fartáronse de mandarvos calar cando lles pedístedes reponsabilidades e explicacións, fartei de escoitarlles mandarvos calar, pedíndovos respecto. E cando por fin conseguiron facerse ouvir, para explicarvos a teoría que traían para contar, e que lles fixo vir pola autoestrada sentido Ourense a Verín, o que ouvimos, a min literalmente alporizoume de vez, seguro que o lembrades. O que nos ofreceron foi a xa famosa teoría da "perda de man ou pericia".

A día de hoxe, e mirade que reclamamos vía rexistro, aínda ninguén nos enviou copia dos supostos informes técnicos/científicos de "todas as Sociedades" (dicían) que avalaban o peche do paridoiro de Verín


A día de hoxe, e mirade que reclamamos vía rexistro, aínda ninguén nos enviou copia dos supostos informes técnicos/científicos de "todas as Sociedades" (dicían) que avalaban o peche do paridoiro de Verín. Nin tampouco ningún dos informes que "ano tras ano" fixeran e que informaban á consellería e á xerencia do CHOU de que debería pecharse o noso paridoiro por razón de "seguridade". Onde están? Aquelo levou a arrebatarme, e a escribir unha carta que poida que a día de hoxe non escribise, todos recordades, non volo vou a mentar, e non porque non o merezan, senón porque non hai maior desprezo que non dar aprezo.


O 25 de Novembro forma parte da nosa conciencia colectiva, no meu caso, tras o cabreo inicial, xa non o lembro como algo abafante nin desacougante, só con satisfacción e orgullo. Orgullo pola nosa comarca, polos meus veciños, pola xentiña, milleiros e milleiros que conectaron cunha pequena comarca do sureste da nosa comunidade. A día de hoxe, moitos españois e incluso moitos de fóra de España, colócannos no mapa por aqueles días de loita, contra argumentos e feitos que nin entendimos, nin entendemos, nin entenderemos.

Vólvovos a lembrar, un ano despois, como rematei aquel exhorto: Grazas!!! Non sabedes o orgullo que sentimos, non sabedes as poucas veces que uns profesionais ou persoas pódense sentir coma nos sentimos nós: Arroupados!!! Xente agradecida polo noso traballo ou pola nosa compaña. Só sentimos agradecemento, consuelo e amor de toda esa xentiña (a nosa xentiña).

Son de Verín, a miña filla naceu en Verín, vivimos en Monterrei!!