jueves. 25.04.2024

OBITUARIO | José Antonio González Fernández (Tonho, o "cesteiro")

O cineasta Plácido Romero Bernardo gravou o documental "Cesteando", que tiña coma protagonista a un dos claros referentes da cestería galega actual, José Antonio González Fernández, "Toño do Val" ou "Toño, o cesteiro". Pouco despois do mediodía deste xoves 3 de decembro, escribía as liñas que aquí reproducimos logo de coñecer o finamento do seu amigo nado en Medeiros (Monterrei).

Toño, o "cesteiro", nunha recente imaxe na Taberna Celta, de Pitôes (Portugal). | FOTO: Mercedes Vázquez Saavedra.
Toño, o "cesteiro", nunha recente imaxe na Taberna Celta, de Pitôes (Portugal). | FOTO: Mercedes Vázquez Saavedra.

Hoxe 3 de decembro de 2020, un algo máis tarde do mediodía, o ceo tornouse negro cincento, escomezou unha choiva miúda, paulatina. Era xa o lamento bagoento dunha descomunal traxedia, un presentemento doloroso embargou os corazóns dos que amamos esta terra e ós seus habitantes bos e xenerosos. Sobrecolleunos o infortunio. Morría "Toño do Val", o "Cesteiro". É difícil asumir unha desgraza desa amplitude sen acompañar ós choros do desconsolado neboeiro.

Sen dúbida algunha, foi a persoa que máis interese espertou en min. Non estou en condicións en rememorar os centos de anécdotas que protagonizou conmigo no traballo que fixemos e que divulgamos xuntos por Galicia e o Norte de Portugal. Nin en relatar aquí moitos dos aspectos da súa vida dos que me fixo partícipe e que mostraban a súa concepción dunha vida máis humana, xusta, e dos valores das comunidades humanas que el vinculaba coa natureza, fonte de onde manaba a súa fundamentada ética.

Sen dúbida algunha, foi a persoa que máis interese espertou en min

"Toño" sorprendía pola súa singularidade e polas súas conviccións profundas. Encandilaba a quen o escoitaba cos seus argumentos porque tiñan a cualidade de ser irrefutables. Os seus coñecementos eran amplos en todo o que puidera estar relacionado coa vida. Con aquela vida que iniciou en Medeiros -Monterrei-, marcada fundamentalmente pola súa nai, de quen atrévome a asegurar sen temor a equivocarme, que marcou a súa forma de amar e de ver o mundo. Loitadora e pragmática, viúva prematura que non lle importou a dureza do sacrificio da súa rotunda renuncia a todo o que non fora a procura do benestar da súa prole. Buscoulle para el un destino mellor que o de labrego e conseguiu que pasara varios anos na Coruña estudando para conseguir un "mellor porvir". Niso discrepaba de moitos dos seus, e pola súa propia vontade retorna ás súas orixes, a un mundo de severa austeridade, de escaso rendemento económico, de grandes sacrificios no traballo e no clima e de ausencia de comodidades. A cambio de que? Da súa liberdade persoal. E a empezar de cero de novo. Unha telúrica forza tirou del para a serra de penedos, xestas e codesos de fríos e calores…?

Era único na terra que amou e venerou e da que coñecía máis segredos que ninguén, fose paisano ou científico

Nas abas da serra do Leboreiro foi feliz. Sen apenas axuda de ninguén, aprendendo dos paisanos, da natureza, das lecturas, das súas observacións creou unha forma de vida e unha personalidade que agora botaremos de menos. Sempre pensei que "Toño" era un ser con privilexios. Non hai moito que escribín unhas reflexións sobre a súa vida na revista Lethes, agora no prelo. E cheguei a conclusión de que desde a su casa, desde os altos das montañas sentíase poderoso e dono daquelo ata onte chegaba a súa ollada. Porque non tiña competencia, era único na terra que amou e venerou e da que coñecía máis segredos que ninguén, fose paisano ou científico. Ultimamente o seu interese estaba máis centrado nos seus, a quen adoraba.

Querido irmán "Toño", nunca, nunca te olvidarei. E que a terra que amaches séache leve.

A continuación, o documental dirixido por Plácido Romero no que se reflicte a vida e a obra do cesteiro finado. 

OBITUARIO | José Antonio González Fernández (Tonho, o "cesteiro")
Comentarios