Xoves. 28.03.2024

Un limián en Verín

Este dixital vístese de gala na súa estrea pública e mundial, nunca mellor dito. O campión do mundo na modalidade de discursos, no campionato universitario de debate en español celebrado en Chile, achégase por primera vez -e agardemos que non sexa a derradeira- a esta fiestra, afondando naquelo que máis une ás dúas comarcas que están marcando parte do seu percorrido vital

Iván Olmos Ferreiro
Iván Olmos Ferreiro.

Xa de primeiras, é complexo falar ben de Verín para un limián coma min se un atende á rivalidade histórica entre estas dúas cabezas de comarca, alimentada pola interminable loita por discernir cal das dúas alberga o mellor entroido do mundo. Pero cando as dinámicas naturais da vida persoal e profesional te levan a coñecer máis este fermoso enclave do Támega, a un deixan de doerlle os localismos –que é unha das peores doenzas da política moderna– e comeza a apreciar o que verdadeiramente importa.

Verín vén demostrando nos últimos anos que se pode crear comunidade e traballar pola humanización e mellora da vida no rural


Sexamos claros. Por moito que a un lle chame a terra, nin o núcleo de Verín nin o de Xinzo poden presumir de seren dúas vilas fermosas e humanizadas. Pero Verín vén demostrando nos últimos anos que se pode crear comunidade e traballar pola humanización e mellora da vida no rural. Potenciais non lle faltan. A auga, o viño, a terra… Paradigma de vila cunha historia incuestionablemente atractiva e eixo de conexión coas veciñas terras do norte de Portugal que antano foron galegas e que, dalgún xeito, aíndo o seguen sendo en parte.

Deberiamos comezar a formularnos se son moitas máis cousas as que temos en común que as que nos diferencian


Un prefire xa non entrar no debate entre pantallas e cigarróns porque, aquí si, continúa a ser máis de vexigas que de zamarras. Pero quizais, deberiamos comezar a formularnos se son moitas máis cousas as que temos en común que as que nos diferencian. O despoboamento do rural que deixa aldeas baleiras ao dispor de capitais estranxeiros que queiran mercalas, a falta de oportunidades laborais para a mocidade que remata por ter que emigrar á cidade cando non ao estranxeiro, o desemprego e a ausencia de inicitivas empresariais e cooperativas que poñan en valor os potenciais produtivos do rural, unha sanidade pública precaria, a ausencia de oferta cultural e de ocio, a falta de inversión en infraestruturas por parte da Xunta e do Estado…

Quizais vai sendo hora de que pantallas e cigarróns percorran as rúas da man en defensa do noso


Quizais, e só quizais, era bo por un momento deixar a un lado as reinvindicacións de carácter local-narcisista e comezar a pensarmos en que Verín e que Xinzo queremos deixar aos nosos netos. Quizais vai sendo hora de que pantallas e cigarróns percorran as rúas da man en defensa do noso.

Un limián en Verín
Comentarios