martes 23.07.2019

O problema non só é Amancio; o problema é a doazón

"Se o señor Ortega ten tanto interese en mellorar a sanidade pública, que pida publicamente o voto para as forzas políticas que propugnan camiñar politicamente cara unha cada vez maior progresividade fiscal, que redistribúa a riqueza de xeito que aqueles, coma ele, que gozan dunha innegable capacidade económica por enriba da media, paguen máis impostos", argumenta o noso articulista Iván Olmos logo da polémica acontecida pola doazón de Amancio Ortega de varios equipos de loita contra o cancro.

O magnate leonés da moda, Amancio Ortega Gaona.
O magnate leonés da moda, Amancio Ortega Gaona.

Calquera persoa que me queira ben recomendariame non entrar a falar deste tema, mais creo firmemente que case todo é debatible e que unha sociedade é máis rica cando se aportan ao debate público posicionamentos e, sobre todo, argumentacións diferentes sobre os temas que, de xeito máis ou menos interesado, forman parte da axenda mediática.

No marco da campaña electoral das eleccións autonómicas, a candidata de Podemos á presidencia da Comunidade de Madrid  rexeitou publicamente as doazóns económicas de Amancio Ortega ao sistema sanitario público en forma de equipos de diagnóstico e tratamento contra o cancro. Ipso facto, os medios de comunicación masivos fixéronse eco desta premisa coa consecuente avalancha de comentarios e insultos por parte dun segmento, coido que tristemente maioritario, da poboación que non só rexeitaba a tese de Serra senón que agradecía publicamente a Ortega esta, supostamente, altruísta doazón.

Implícitamente estase afirmando que se o señor Ortega contribuíse con máis tributos ao Estado, non externalizando a produción para reducir custos e eludindo calquera intento de enxeñaría fiscal que lle permitise pagar menos ás arcas públicas; entón xa, agora si, deberiamos recibir cos brazos abertos calquera doazón condicionada (esta adxectivación non é menor) ao Estado por parte dos individuos

E coido, con todo, que o debate de fondo non ha de ser se o obxecto da doazón é ou non altruísta; nin sequera se Amancio está máis ou menos lexitimado para facelo en función da súa contribución tributaria ao Estado e, xa que logo, aos servizos públicos dos que todos e todas desfrutamos. Esta última foi a argumentación escollida pola esquerda para xustificar o seu posicionamento contrario a aceptar a doazón. Mais compartindo a premisa, esta argumentación escurece calquera conclusión. Implícitamente estase afirmando que se o señor Ortega contribuíse con máis tributos ao Estado, non externalizando a produción para reducir custos e eludindo calquera intento de enxeñaría fiscal que lle permitise pagar menos ás arcas públicas; entón xa, agora si, deberiamos recibir cos brazos abertos calquera doazón condicionada (esta adxectivación non é menor) ao Estado por parte dos individuos. 

A crítica que facía Isabel Serra e Unidas Podemos á doazón é, na miña opinión, superficial e tremendamente pobre

O Estado, como eixo vertebrador da sociedade, tradúcese na voluntaria cesión de parte da nosa liberdade individual polos beneficios consecuenciais á vida en sociedade, ou o que é o mesmo, á vida en común. A crítica que facía Isabel Serra e Unidas Podemos á doazón é, na miña opinión, superficial e tremendamente pobre. Imaxinemos que é vostede, que paga con vontade contributiva os seus impostos, quen decide doarlle ao Estado unha cantidade de diñeiro dicíndolle como quere que a use. Igualmente deberiamos opoñernos. O problema non é tanto se é hipocrisía, publicidade ou altruísmo. Senón dicirlle a todo o Estado: tomade este diñeiro, que é meu e empregádeo só como eu diga. Por máis rico que sexa ninguén, o seu diñeiro non lle da capacidade soberana sobre o Estado nin lle concede poder para decidir de que xeito e con que obxectivo se empregan os recursos do Estado. No fondo, non deixamos de estar xustificando unha situación por completo antidemocrática. O que o Estado fai cos seus recursos debémolo decidir entre todos e todas e non un único individuo, sexa quen for. Non se trata de discutir se eses equipos de diagnóstico e tratamento contra o cancro eran ou non necesarios. Se o eran, é responsabilidade do Goberno, democraticamente escollido, destinar recursos orzamentarios para mercalos. E da sociedade, como colectividade soberana, esixirllos. Pero nada, absolutamente nada, lle da dereito nin ao señor Ortega nin a ningún individuo a lle dicir ao Estado o que debe e non debe facer. Porque iso implica subvertir o principio democrático. 

Pero nada, absolutamente nada, lle da dereito nin ao señor Ortega nin a ningún individuo a lle dicir ao Estado o que debe e non debe facer

Se o señor Ortega ten tanto interese en mellorar a sanidade pública, que pida publicamente o voto para as forzas políticas que propugnan camiñar politicamente cara unha cada vez maior progresividade fiscal, que redistribúa a riqueza de xeito que aqueles, coma el, que gozan dunha innegable capacidade económica por enriba da media, paguen máis impostos.

Pero que deixe que os representantes lexítimos da cidadanía decida como distribuílos. Porque non, non podemos aceptar unha premisa que outorga maior capacidade de decisión a un individuo que á institución resultante do noso contrato social como comunidade.

Isto non é verdade irrefutable, mais si posicionamento argumentado. Dito queda.

O problema non só é Amancio; o problema é a doazón
comentarios