mércores 08.07.2020

Unha arañeira de malos agoiros

O primeiro espertar do 2020 foi igual que todos os anteriores: axitado e abafante. Outra vez rodeado dun horrible manto de arañas. Cando marcharán os pesadelos?
Ilustración orixinal para o relato realizada por Anxo Pérez Peixoto. Instagram:  https://www.instagram.com/deswabisabi/
Ilustración orixinal para o relato realizada por Anxo Pérez Peixoto. Instagram: https://www.instagram.com/deswabisabi/

Levo uns meses sufrindo pequenas alucinacións ó espertar. Normalmente ocorren cando o soño é interrompido de xeito abrupto e a miña mente non acaba de conectar coa realidade durante uns intres.

Vexo moitas cousas raras, pero as máis realistas e frecuentes son arañas, en moitas ocasións tarántulas pesadas e lentas, que pasean por riba das mantas, coma se estas fosen unha arañeira horizontal. Algunha vez repousan nos meus brazos durmidos, facéndome cóxegas na pel coas súas patas peludas.

Cando acendo a vista ó espertar e as atopo coa mirada, noto o corazón querendo fuxir do peito. Os ollos póñenseme coma pratos e o corpo convértese nun tenso resorte a piques de saír disparado a non se sabe onde.

Todo acontece moi rápido. Reacciono case dun xeito reflexo e a criatura foxe a grande velocidade fóra do leito. Nótome fisicamente axitado e inconsistente, mentalmente atordado e asustado.

Por que anegan tamén os soños? Son proxeccións oníricas do pasado? Avisos de que algo malo está por vir?

Logo de dixerir a situación, adoito obsesionarme con atopar as bichas e matalas. Busco e rebusco con cautela, reviso baixo a cama e entre as sabas con valentía, pero acabo desistindo. Aprendín, non con pouco tempo, que todo é froito da miña mente somnolenta. Como cando era cativo, quizais.

Pensei que cando me convencese da súa inexistencia e insignificancia, todo volvería á normalidade. “Non son reais, non son reais”, repítome cada mañá. Quizais neste 2020 os pesadelos dean paso ós soños e os bos agoiros. De momento, sigo a notar as arañas nas sabas.

Coido que estas alucinacións deveñen dunha acumulación de experiencias e medos infantís, acubillados nunha parte do cerebro que se activa só nos limbos entre o sono e a lucidez.

Ten sentido, dende que teño uso de razón lembro a miña casa na aldea sempre ateigada deses monstros de oito patas. Por que anegan tamén os soños? Son proxeccións oníricas do pasado? Avisos de que algo malo está por vir?

Unha invasión progresiva

Dende o verán pasado a casa está infestada de arañas. Aparecen por todos lados, mais non son arañas normais: son xigantes, rápidas, escorregadizas e sinistras. Seguen acompañándonos no novo ano. Temo que esteamos a sufrir unha invasión.

Non impresionan tanto polo que son –ó fin e ó cabo, só son arañas–, senón os sitios onde aparecen. No medio do corredor, coma os espectros do cine de suspense; ollándote no baño mentres te ispes; correndo pola habitación durante a madrugada (cando estás esperto e tes ocasión de velas, claro); ou no pomo da porta da casa, xusto cando vas meter as chaves. O trauma non é pequeno.

Parece que escollen lugares e intres onde a súa intimidación se nutre da nosa vulnerabilidade, pero as arañas non pensan tanto. Simplemente existen.

Unha invasión de arañas non é moi distinta dos grandes problemas sen aparente solución: todo o mundo sabe que hai unha invasión, todo o mundo atopa arañas, todo o mundo as mata, todo o mundo se queixa.

Unha invasión de arañas non é moi distinta dos grandes problemas sen aparente solución: todo o mundo sabe que hai unha invasión, todo o mundo atopa arañas, todo o mundo as mata, todo o mundo se queixa. Teimamos en esmagar o que vemos, sen molestarnos en saber a orixe do problema.

E así cada día, de unha en unha. Sen buscar niños nin causas. Só arañas grandes e consecuencias. O grave erro de sempre. Convértense no centro de todo, crean inseguridade e non facemos máis que falar delas.

Poida que sexa un erro de cálculo a longo prazo, mais, nas nosas matanzas, tendemos a ignorar as arañas pequenas, inofensivas e coitadas. Parece que baseamos a nosa resposta segundo o grao de intimidación.

Obviamos torpemente que nese tempo de vida que lles agasallamos, as cativas irán alimentándose dos nosos medos para medrar e converterse, coma as súas irmás finadas, nas temibles conquistadoras da casa.

Quizais é cousa de contrastes. Afeitos durante meses á bichería grande, infravaloramos a pequena. O erro fatal. As malas circunstancias extraordinarias, por moi reiteradas e aparentemente normalizadas que se pinten, non deberían perder o seu cariz distintivo. E iso é algo que cómpre ter ben presente en todos os aspectos da vida. Non só coas arañas.

Unha invasión antiprogresista

Todo indica que o 2020 será o comezo dunha nova crise económica global. Cun horizonte familiar, xa se escoitan proclamas de austeridade e máis precarización. A mocidade que vivimos a crise durante a adolescencia reaccionamos con máis desesperanza que medo. Oh, shit, here we go again.

Pedro Sánchez xa é presidente grazas a un elástico baile de pactos e cadeiras. O acordo PSOE-Unidas Podemos bosquexa un goberno de coalición aínda máis ambicioso do que se agardaba dende a esquerda. Semella querer navegar a contracorrente, protexendo dereitos e afondando nas problemáticas sociais que sempre fican esquecidas tralo velo da economía. Poida que sexa máis que un pacto de esperanza, pero para bancos e patronal resulta demasiado, claro.

Na oposición, un bloque reaccionario berra e abanea a bandeira cada vez con máis forza, cada vez máis tinguido de verde. As arañas cativas que o ano pasado comezaron ós poucos coma un susto dunha noite electoral medraron co tempo. Xa parece unha invasión.

O aparente soño progresista non pode caer no erro da soberbia gobernante.

Que foi de nós? Fixemos como que non estaban, que era unha cuestión pasaxeira irrelevante. Logo medraron un chisco e comezamos a esmagar (dialecticamente) as arañas máis grandes, sen analizar as causas da súa existencia. Agora son moitas, quizais demasiadas. Quen alimenta as arañas? Por que agora e neste clima? Que debemos facer para frealas? Xa é demasiado tarde?

Estamos ante a extrema dereita máis forte, vaidosa e institucionalizada dos últimos corenta anos. Comezan o ano coas mans aínda asindo o mastro da bandeira que din unir a todos. Sería irresponsable por parte dos progresistas persistir na mera confrontación sen reflexión. E sería fatal, ademais, autoconvencerse de que as ameazas esvaecerán co albor do novo goberno.

O aparente soño progresista non pode caer no erro da soberbia gobernante. Non pode esquecer que cada vez que espertemos, as arañas seguirán aí, sen dar un respiro. Aterrando, mordendo e aniñando na súa arañeira de malos agoiros.

Non deixemos que  esperanza non agoche o perigo.

Unha arañeira de malos agoiros
comentarios