sábado. 20.04.2024

OPINIÓN | Álvaro Rúa: o gaiteiro de aquí, que triunfou alí e inda ten o limbo para ser feliz

Álvaro Isaac Rúa Manso, o día da súa gradación en Vigo.
Álvaro Isaac Rúa Manso, o día da súa gradación en Vigo.

Levo uns días querendo escribir isto, pero entre que a urxencia non é unha obriga e o fin das actividades académicas ocupan todo o tempo lectivo e o de lecer... Aínda lle din voltas ó meu maxín, pero non me puxen a facer isto ata hoxe, que para min é un acto de obriga cara a figura dun gaiteiro da zona que se consagrou como titulado superior.

Seguramente que a maioría da poboación desta comarca de Monterrei non é sabedora de que Álvaro Isaac Rúa Manso, un humilde veciño de Verín, que naceu entre supermercados e carnicerías, pero que a súa ilusión era a música, lonxe de continuar co negocio familiar, graduouse na máis alta titulación, no Conservatorio Superior de Música de Vigo, acompañado dos seus inseparables músicos, amigos e sobre todo familiares.

Eu, lonxe de considerarme músico -son un animador musical-, e dende esta esfera, gustaríame dicir que Álvaro, para min Alvarito, pola familiaridade, naceu tenaz na idea que sempre tivo: dedicarse á música popular de Galicia sen ningunha dúbida nese propósito.

 

Da man do seu amigo Dani, compañeiro, camarada, leal, incondicional e inseparable, incluso atrévome a dicir, irmán e familia,  en complicidade traballan, estudian, tocan e crean un estilo musical que trasladan facilmente ós seus amigos, colegas, compañeiros... Pero, sobre todo, músicos.

Eu tiven a sorte de que me chamara en varias ocasións, non sei se fun da súa utilidade, pero a amizade está incluso por riba da interpretación. Na súa gradación tivo o atrevemento de contar comigo, unicamente para estorbar, porque sentinme o avó de todos eles, e aínda así, quixo que estivera ó seu lado, porque pediume con humildade e con estas palabras: "Cando te chamei fixeches esforzos por estar comigo, e quero que no fin esteas tamén ó meu lado".

Compartín con el e o seu núcleo familiar os concursos do Luar, e algunha cea na súa casa familiar de Vilela. (Para os seus pais un bico e unha aperta grande). Inviteino varias veces a celebrar cun viño os seus éxitos, e algunha vez apareceu coa humildade dun sabio. Estiven tres lustros ensaiando na comarca do Bibei e sempre falaban marabillas do Alvarito, (daquela, incluso compartíamos alumnos).

Álvaro e Dani, estou seguro de que son o futuro da música en Verín. Que o Concello os ampare laboralmente, porque o apoio anímico de tódolos veciños está con eles.

A súa aposta pola creación da Banda Nova Era e a súa evolución, sempre enchendo o Auditorio de Verín, as noites no Castelo e a compaña agradecida en procesións, rondas e pasarúas, non deixa de ser unha mostra cariñosa que todos os que estamos ó seu lado e ó de Dani. O que ofrecen é o que queremos escoitar, por iso sempre están a altura nos diversos escenarios.

En fin, isto todo que escribín ata agora é unicamente para contextualizar o que quero dicir, e o que, para min, é o realmente importante.

O neto da Rosalía, que tivo o valor e o sangue de compor o traballo de fin de carreira co nome da súa avoa, e repartir un chaveiro de agasallo entre tódolos presentes, fixo un esforzo esaxerado para levar á música a toda unha vida familiar.

Gaitas, percusión múltiple, metais, guitarra, piano, cordas, escena, incluído un folión de entroido, poesía, teatro, madeiras, acordeón, luces, son, guitarra... Mestres, compañeiros e amigos, pero sobre todo estirpe e parentela, porque o único ar que respirábamos no ambiente académico era o da familia, amigos, compañeiros e moita responsabilidade moi ben organizada, a pesar das calores que gobernaban as paredes do auditorio.

A música soamente existe se é para compartir, e naquel intre, cun ambiente excesivamente sufocante, como unha fonte fresca, compartimos espazos, comidas, ensaios, nervios, bebidas, silencios e sobre todo unha grande satisfacción, a gradación do noso irmán musical: Alvarito.

Esta reflexión, seguramente ten pouco valor á sociedade, porque eu era o maior de toda a expedición, pero o máis ilusionado por ver a Alvarito no máis grande e a Dani, a pesares das súas deficiencias físicas, na súa tranquilidade humana que sempre o caracterizou.

Eu vin nacer o Conservatorio e a música actual en Verín. Dende fai trinta e dous anos, xa contamos polo menos con 6 graduados superiores

Álvaro e Dani, estou seguro de que son o futuro da música en Verín. Que o Concello os ampare laboralmente, porque o apoio anímico de tódolos veciños está con eles.

Para min son como dous amigos, que me visitan para falar, conversar e sobre todo para tomar un viño, porque son dos que para eles, como para min, o viño é unha fonte de inspiración. Eu cada vez son máis maior, e eles cada vez están máis na candea. Alégrome moito por eles, e dóeme que cada vez teñamos menos encontros arredor dunha mesa compartida con música e con viño...

Eu vin nacer o Conservatorio e a música actual en Verín. Dende fai trinta e dous anos, xa contamos polo menos con 6 graduados superiores, para os que lle envío unha grande aperta. A partir de agora cada ano seguramente teremos un graduado superior en música, esa disciplina deteriorada por certas xeracións e que agora, no val de Monterrei, xa é un luxo e unha categoría social para tódolos veciños.

Meus parabéns Alvarito, unha aperta moi grande, un agradecemento inmenso por contar comigo na túa gradación, e que saibas, que no meu toco tes a chave do meu corazón, a porta aberta e unha salva de palmas para o teu grandísimo merecemento. Noraboa e quero que sexas moi feliz nesta nova etapa que che toca emprender. Neste intre embagoado, quero dicirche que es unha persoa moi valente.

Non dubides dos meus consellos, para outras cousas xa non estou tan áxil...

Moitas gracias por coñecerte, por contar contigo, por pedirme os meus pareceres e a miña axuda... E para min sempre serás Alvarito...

Que a vida laboral te leve ó máis alto, porque a túa tenacidade meréceo...

Gracias a persoas como Alvarito, a calidade musical do val de Monterrei cada vez ten máis sona no corazón de Galicia.

OPINIÓN | Álvaro Rúa: o gaiteiro de aquí, que triunfou alí e inda ten o limbo para ser...
Comentarios