Venres. 29.03.2024

O balneario de Cabreiroá, un ben histórico cargado de futuro

O Balneario de Cabreiroá, testemuño da historia da nosa comarca e ponte coa cultura europea, debe ser considerado como ben cultural de primeira orde e polo tanto un elo a ter en conta á hora de planificar a estratexia turística da nosa rexión. A afirmación é de Carlos Barja, estudoso das posibilidades do entorno de Cabreiroá e da súa historia.
frontal
O hotel balneario de Cabreiroá pechouse definitivamente ao público en 1961. | FOTO: CARLOS BARJA

Fai xa oito meses, durante as vacacións de Nadal, abrín un álbum familiar no que, ademais de fotos da familia, puiden reparar en que varios edificios mudaran a súa estética. Á mañá seguinte saín a dar un paseo e recorrer o Casco Antigo e decateime da profundidade dos cambios: dende a Praza de Viriato até o alto da rúa Amaro Refojo atopei como moitas das casas que colorean as memorias da miña infancia se atopaban nun estado ruinoso.

Ocorréuseme do mesmo xeito achegarme ó balneario de Cabreiroá. Xa o fixera facía uns meses e parecérame que se encontraba nun estado case impecable. Nada máis lonxe da verdade: se ben, á primeira vista o hotel atópase lixeiramente recuberto de vexetación, a pintura de fiestras, portas e paredes amosa un desconchamento significativo, apariencia que non deixa de darlle ó complexo un certo aire de misterio. Entre outras cuestións, o que máis me preocupou foi que, ó rodear o hotel e reparar no lado norte caín na conta de que parte do sistema de canalización se desprendera afectando a boa parte da parede. Non foi menos alarmante decatarme de que parte da ornamentación do pavillón de agüistas estaba literalmente colgando dun fío.

danos zoa norteParte da canalización da zona norte do vello hotel está desprendida. | FOTO: CARLOS BARJA

Cada un ten dereito a que lle importe máis ou menos o estado do patrimonio da nosa comarca, porén o que si debemos ter claro é a oportunidade que supón manter vivo un patrimonio arquitectónico que fala da nosa historia, costumes e modos de vida. Máis tendo en conta que nos atopamos nun contexto no que afianzar os lazos entre sociedade e territorio nunca ofreceu tantas oportunidades no eido do desenvolvemento local, grazas ó aumento do turismo cultural na última década.

Debemos ter clara a oportunidade que supón manter vivo un patrimonio arquitectónico que fala da nosa historia, costumes e modos de vida

Pese a que a impresión xeral pode ser que nos atopamos ante un turista que só busca subir unha foto ás redes sociais en busca de seguidores e ansiando a viralidade dos seus contidos, o certo é que se vai facendo máis común un modelo de turista interesado na realidade social e ecolóxica e que busca interactuar coa cultura local para descubrir os valores que se esconden detrás das expresións culturais das rexións que visitan. Isto foi posible só grazas ó traballo de organizacións internacionais como o Consello de Europa ou a UNESCO, en colaboración directa cun conxunto de operadores e axentes locais que traballan tanto dende o sector privado coma o público para desenvolver un conxunto de produtos culturais para un turismo que lese en clave de patrimonio común, europeo para o primeiro e mundial para o segundo. Un dos programas máis exitosos do consello de Europa e o programa de Itinerarios Culturais Europeos que arranca en 1987 cá declaración do Camiño de Santiago e que chega a presentar máis de corenta itinerarios entre os que figura a Ruta das Cidades Termais Históricas. A existencia deste itinerario cultural é proba, por un lado, da presenza dun conxunto de valores europeos conectados á cultura termal, e por outro, da existencia dun mercado turístico potencial na nosa rexión no que se refire as augas.

Mais… que ten isto que ver co balneario de Cabreiroá?

Responder esta pregunta require que nos mergullemos na historia ata o século IX e o imperio de Carlomagno, coñecido por moitos como o pai de Europa e un dos primeiros mandatarios do medievo europeo en rescatar parte do modus vivendi romano ó dotar de instalacións termais ós palacios que construíra ó longo do seu imperio.

Case mil anos despois, no século XIX, a burguesía europea, aconsellada por unha ciencia médica, comezaba a entender a orixe de certas enfermidades que afectaran a súa saúde dende o inicio dos tempos. Foi o tempo do hixienismo, práctica sanitaria que afirmaba que as calidades das augas medicinais eran ferramentas de primeira orde para curar calquera enfermidade. Se ben, o tempo e a ciencia demostraron que isto non era de todo certo, mais os beneficios de fuxir de urbes sobrepoboadas afogadas pola polución das primeiras industrias na busca de aire fresco e auga sen contaminar resultaron evidentes.

Será entón o tempo en que o capital europeo verá a oportunidade de investir nun novo sector: o balnearismo, primeiro enfocado dende una perspectiva sanitaria e do benestar pero que acabará por afincarse coma un dos formatos turísticos máis dinámicos entre os séculos XIX e XX

Será entón o tempo en que o capital europeo verá a oportunidade de investir nun novo sector: o balnearismo, primeiro enfocado dende una perspectiva sanitaria e do benestar pero que acabará por afincarse coma un dos formatos turísticos máis dinámicos entre os séculos XIX e XX. Séculos nos que os magnates rexionais adiarían parte das súas fortunas en rexións diversas, que non sempre foran dinámicas pero que, de súpeto, amosaron un potencial suculento para o desenvolvemento local e rexional.

A nosa comarca non podía ser menos. A Creba da Corga ou faia tectónica Chaves-Verín non será detonante soamente da calidade dos viños da rexión senón do afloramento dun abanico de augas carbonatadas que levan máis dun século sendo obxecto de eloxio de persoeiros tan ilustres coma Santiago Ramón y Cajal ó avaliar as augas de Cabreiroá. A faia presenta unha especifidade que permite a convivencia de afloramento de augas minerais gasosas e manantiais de auga fresca e caldas.

A meirande parte dos balnearios e explotacións do val foron construídos a finais do século XIX, malia que o Balneario de Cabreiroá chegou tarde non foi a destempo. Mecenado por José García Barbón e deseñado polo prolífico arquitecto Daniel Vázquez-Gulías, o balneario constituíuse como unha estación termal completa ó contar cun xardín, un pavillón de augas, unha capela e un hotel con comodidades tales coma unha sala de xogos ou un amplio salón.

O bulicio do balneario cesou coincidindo co estalido da Guerra Civil, tempo no que pasaría a ser hospital de campaña, e a dureza da posguerra non foi o medio máis amable para este tipo de ocio. Acabará pechando definitivamente en 1961.

Péselle a quen lle pese, o Balneario de Cabreiroá, testemuño da historia da nosa comarca e ponte coa cultura europea, debe ser considerado como ben cultural de primeira orde e polo tanto un elo a ter en conta á hora de planificar a estratexia turística da nosa rexión.

O balneario de Cabreiroá, un ben histórico cargado de futuro
Comentarios