mércores 26.02.2020

Breve historia das reivindicacións tamaganas

Manifestación do pasado 30 de novembro de 2019 pola rúas de Verín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Manifestación do pasado 30 de novembro de 2019 pola rúas de Verín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Con permiso da xente que loitou dende o principio ata o final con respecto ao tema do servicio de paridoiro do Hospital de Verín, gustaríame emitir unha serie de opinións relacionadas que considero relevantes.

En toda a historia social e reivindicativa da comarca da Tamagania hai fitos importantes que poderiamos destacar, pero non é necesario repasar todas as manifestacións habidas. En realidade, durante o século XX e o que levamos de XXI, Verín e comarca xamais destacou por ter espírito loitador polos seus dereitos. Falo, evidentemente, da sociedade no seu conxunto, porque hai unha manchea de persoas particulares e ben identificadas que merecerían un escrito aparte para darlles a honra que merecen, tanto polo seu compromiso pola terra como pola forza coa que sempre loitaron por ela. Tampouco son moitos nomes, porque descartando aquela xente que se manifestou por intereses partidistas ao longo destes últimos 30 anos (antes desto, a irrelevancia dos movementos sociais era notoria), podería poñer, como moito, uns vinte nomes con apelidos. Si que me gustaría destacar que a inmensa maioría son mulleres, e iso si que é chamativo e loubable..., e máis importante do que parece a priori.

Un pouco de historia

As reivindicacións sociais xamais tiveron éxito na nosa comarca. Isto é así e hai que dicilo. Os Irmandiños xamais pasaron por Monterrei (a pesares daquel xogo de rol de hai anos); nas revolucións do século XIX a comarca púxose sempre do lado máis rancio e ultramontano (só a excepción, marabillosa, de Castrelo de Cima apedrexando aos recadadores da contribución e aos gardas civís que o acompañaban se pode calificar como éxito, pero só temporal..., a emigración rematou con esas protestas); nos anos vinte e trinta só algún sector, como o dos panadeiros ou os carrilanos puxeron en xaque ás autoridades, pero sen refrexo na propia sociedade que lle tiñan máis medo que simpatía; aínda foi peor na Guerra Civil e na posguerra, posto que, salvo algúns nomes ilustres como Carnicero, alcalde de Laza, e algún guerrilleiro, como o Juan, a inmensa maioría da xente gardou as súas impresións moi adentro, e os poucos que non o gardaron, remataron nunha cuneta ou na emigración; coñezo a algunha xente que participou dalgunha maneira nos movementos sociais do 68 (en Madrid, en Salamanca, en Compostela), pero tampouco tivo refrexo na sociedade.

E aquí propoño un alto, pois si que foi certo que, a pesares da ranciedade da igrexa e o seu pacto demoníaco coas autoridades franquistas, xamais se puido prohibir o entroido, o que si podemos calificar como éxito da nosa sociedade (claro que os herdeiros desas autoridades franquistas feriron de morte ao entroido máis sutilmente, masificándoo, denigrando á máscara do cigarrón e mirando só polo beneficio duns poucos..., e case matan o entroido!).

Continuamos, a revolución dos caraveis mirouse dende a comarca con máis medo que esperanza; cando morreu o asasino Franco, as celebracións foron de portas para adentro, ninguén se atreveu a saír á rúa; e no golpe de Estado o medo tamén gañou a partida. Cando se fixeron as protestas polo pavillón de deportes, foi máis ben unha manipulación do que quería ser alcalde e botar á alcaldesa daquela, que algo necesario; cando se saiu a pedir o hospital para Verín, xa se sabía que se ía facer, así que era unha manifestación sen sentido; cando se protestou pola corta das árbores da praza do concello eramos catro gatos e, desgraciadamente, comezouse unha mala costume, a instrumentalización política, que desarmou calquera posibilidade de que a sociedade se involucrase nesa protesta.

Outra paréntese. A instrumentalización dos movementos sociais foi un pecado cometido por partidos e sindicatos que quixeron monopolizar calquera tipo de protesta para beneficiarse electoralmente (cousa que xamais lles funcionou) e que coartaron a posibilidade de que a sociedade, por riba de cores políticas, se involucrase nas reivindicacións. A eses partidos e a eses sindicatos lles debemos, coa súa irresponsabilidade daquela, o retraso da construción dunha sociedade civil honrosa. Alá esa xente, xa retirada, e a súa conciencia (coas miñas serias dúbidas sobre a súa existencia).

Seguimos: dende aqueles anos noventa do século pasado, a maior parte das reivindicacións pasaron pola sanidade. Unha morea de manifestacións que, ademais da sectarización provocada pola citada instrumentalización política, reivindicaban o mesmo ca hoxe, a teima dos sucesivos gobernos do PP en privatizar a sanidade e convertela nun gran negocio para as aseguradoras e os médicos de ámbito privado. Pouca repercusión tiveron. A maior parte da comarca estaba en mans dese PP carpetovetónico dirixido por carcamais (e criminais exministros franquistas) e caciques que tiñan e, en xeral, aínda teñen a moita xente comendo da súa man as migallas que lles van sobrando. Esas manifestacións eran sempre pequenas, coa mesma xente movéndonos entre a mágoa de ver que a poboación non apoiaba o que era polo seu ben (agora moitos e moitas o viron..., cecais demasiado tarde para moitos e moitas que foron claudicando en dirección ao cemiterio ou a emigración) e a carraxe de ver como se rían os caciques dende as súas poltronas.

Dende aqueles anos noventa do século pasado, a maior parte das reivindicacións pasaron pola sanidade. Unha morea de manifestacións que, ademais da sectarización provocada pola citada instrumentalización política, reivindicaban o mesmo ca hoxe, a teima dos sucesivos gobernos do PP en privatizar a sanidade e convertela nun gran negocio para as aseguradoras e os médicos de ámbito privado.

Xa máis adiante, máis do mesmo. Eu participaba activamente do movemento Nunca Máis mentres aquí iso dáballe igual á maioría (claro que despois, cos grandes incendios do 2005, ninguén se solidarizou con nós, así que unha por outra, non?) para ver despois como un partido político desarmaba Nunca Máis cando chegou o bipartito, porque xa non lle facía falla (ai, esa maldita instrumentalización...) facer ruído. Nesa época, en Verín, no tripartito de mal recordo que regalou 10 anos máis ao peor alcalde da historia de Verín, convocouse a manifestación máis rara, absurda, bizarra e estúpida da nosa historia: a reivindicación dun circuíto de velocidade para Verín, ou cidade do motor, ou fábrica da BMW, ou... Francamente, coa distancia do tempo xa nin lembro que carallo se pedía naquela manifestación, que en realidade só era unha distración dese malfadado alcalde ao puro estilo de instrumentalización citado xa varias veces (curiosamente, con bastante máis éxito de afluencia de persoal que os creadores dese reivindiqueiting style). Corramos un tupido veo sobre esta vergoña.

Logo chegou a movilización que debía converterse nalgo masivo e definitivo: as protestas pola absurda e ruinosa transformación do castelo de Monterrei nun hotel cutre. Despois de mil leccións aprendidas, as protestas naceron fóra do ámbito político e esa foi a base do seu éxito social. Pero a falta de experiencia, as presións externas e as tensións internas non deixaron que estoupara como tiña que facelo. Aínda así só se poden dicir cousas boas daquel tempo que non é tan pasado. Como o movemento surxiu da sociedade e non dos partidos políticos tivo un refrexo na rúa moi potente, a pesares de que foi precipitada polas presas que a algún político tiña por facela antes dunhas determinadas eleccións e que rematou por destensionar tanto que desinflou a reivindicación. Foi un éxito socialmente, pero o obxectivo aínda segue en pé pois o hotel no castelo segue aí, dando perdas económicas e deixando que o resto da acrópole siga arruinándose e esmorecendo e, incluso, elementos que estaban moderadamente ben, como a igrexa do castelo, están hoxe a punto de arruinarse pola desidia do mesmo político que goberna hoxe na Xunta (que non creo que tivera un especial interese en facer nada en Monterrei e considero que os políticos de baixa estofa da comarca lla meteron dobrada e, finalmente, non tivo máis remedio que fuxir cara adiante e aplicar o dito clásico da política ibérica: sostenella i no enmendalla).

Xa dende a idea de bombeiro (aínda que ben meditada polo, daquela, insigne Feijóo, ao mando do criminal franquista e presidente da Xunta) de facer a Fundación Hospital Verín, a nosa comarca está maltratada a nivel sanitario e asistencial. Non procede un repaso pormenorizado, pero antes da bomba do paridoiro xa nos sacaran a especialidade de dermatoloxía e outros servizos xamais se puxeron en marcha.

E chegamos a la madre del cordero. Como unha e outra vez insisten, e con moita razón, dende a Plataforma da Sanidade de Monterrei, todo isto non comezou coa retirada do paridoiro nin coa falla de pediatras. Xa dende a idea de bombeiro (aínda que ben meditada polo, daquela, insigne Feijóo, ao mando do criminal franquista e presidente da Xunta) de facer a Fundación Hospital Verín, a nosa comarca está maltratada a nivel sanitario e asistencial. Non procede un repaso pormenorizado, pero antes da bomba do paridoiro xa nos sacaran a especialidade de dermatoloxía e outros servizos xamais se puxeron en marcha. E dende os gobernos de Rajoy, a ofensiva pola privatización ten un empuxe brutal e Verín non o ían deixar en paz. Ata que, a través dun informe fantasma (que ninguén puido ver aínda) feito por parte interesada (un pediatra con mando en praza e clínica privada de parturientas) abriu a caixa de Pandora. Coa anunciada supresión do paridoiro, Feijóo pinchou en óso, e foi tal o patinazo que incluso ata os propios enchufados naquela Fundación se lle revolveron. Tanto foi así que, a pesares das "explicacións" dos mandamases da zona sanitaria de Ourense, a pesares das escusas de mal xogador de Feijóo, a pesares incluso do despiste e descoloque dos alcaldes que aínda lle quedan por aquí, cheguei a ver como votantes relixiosamente acérrimos do PP botaban pestes desta decisión nas redes sociais, para pasmo de propios e contrarios!! Lo nunca visto, señores y señoras.

Tanto foi así que, a pesares das "explicacións" dos mandamases da zona sanitaria de Ourense, a pesares das escusas de mal xogador de Feijóo, a pesares incluso do despiste e descoloque dos alcaldes que aínda lle quedan por aquí, cheguei a ver como votantes relixiosamente acérrimos do PP botaban pestes desta decisión nas redes sociais, para pasmo de propios e contrarios!! Lo nunca visto, señores y señoras

Xamais, en toda a parcial historia contada por este parcial menda neste parcial texto, a sociedade da comarca se unira de tal maneira en contra dunha decisión política. Non sei o resto da xente, pero eu aínda sigo coa boca aberta de asombro ao ver a persoas que xamais se manifestaran por nada berrando como alanos asdingos que Verín non se pecha!!! Señores, señoras, señoros, todo esto debería ter pasado hai 30 anos e hoxe non estaríamos falando deste tema, pero pasou agora e é agora cando deberiamos xestionar o fenómeno. A manifestación dos vinte mil (que, sexamos xustos, non eran 20.000 pero si que foi a maior manifestación da historia da comarca, e con moita diferencia) foi antolóxica, foi un mencer dourado, un rexurdimento, un..., xa me quedei sen cualificativos. O problema é que, en realidade, foi un eco do berro agónico e desesperado dunha comarca maltratada históricamente que está a punto de fenecer de avellentada e despoboada, e para iso aínda non temos remedio. Pero, e iste é un gran pero, unha movilización deste calibre non podía quedar sen premio. E, nun típico e tópico exercicio de cinismo, Feijóo e a Xunta recuaron dicindo que devolver o paridoiro era, en realidade, o seu obxectivo final. Traducido en román paladino quere dicir que este ano 2020 son as eleccións á Xunta e non podía converter o dos pediatras do hospital no seu Prestige particular. O da falta de pericia dos profesionais de Verín, o argumento da seguridade das parturientas e os neonatos..., todo eso era secundario. O do rango mínimo de 600 partos anuais? Pecata minuta. A sangría de votos que ía ter neste territorio de vellos e poucos podía ser determinante para perder ou gañar un ou dous deputados pola provincia de Ourense e a perda definitiva da Xunta (e tal como está hoxe o PP a nivel España, como para permitirse o luxo...) e, polo tanto, se fai falla deixar á Costa da Morte sen un pediatra para mandalo para Verín, faise, non vaia ser o demo. E, ademais, había que facelo antes da manifestación de Compostela esta fin de semana, porque se histórica foi a de Verín, era pouco dixerible ver manifestarse polas rúas de Compostela outra manifestación histórica. Hai que recoñecerlle que os tempos políticos os levan a catón e rasa tábula. Queda por ver que vai pasar en Compostela.

É agora, ou non será nunca.

Agora ben, e para remate, tamén queda por dilucidar que vai pasar nas eleccións á Xunta de setembro, ou antes (Urkullu mediante). Se a mesma xente que me sorprendeu berrando na Praza da Estrela que Verín non se pecha despois de décadas alimentando ao monstro que os deixa sen hospital, agora que devolven o paridoiro e os pediatras, voltan ao rego de votarlle ao mesmo monstro, o obxectivo de manter eses servizos estará conseguido pero a nosa sociedade, o noso futuro, estarán condenados á súa desaparición. Por que? Pois porque se volve gañar o mesmo, voltará a facer o mesmo máis adiante, e aínda máis cargado de razón. A esquelas diarias, a emigración da xente máis nova para non voltar, a desaparición do tecido produtivo agrícola, industrial e de servizos cargarán de novo de razóns a estes políticos para seguir deixándonos sen servizos (non só sanitarios, senón educativos, de infraestruturas...) e canto máis avanzamos no tempo, somos cada vez menos e cada vez máis vellos e cansos como para volver a empezar todo de novo. É agora, ou non será nunca.

 

Breve historia das reivindicacións tamaganas
comentarios