martes. 16.04.2024

O dron do pienso

''A España vaciada''. Ese termo que se colou nas anteriores eleccións, promete ofrecernos algún titular máis de cara a esta enésima convocatoria electoral. Galicia é vella. En Lugo e Ourense a poboación maior de 65 anos é o dobre que a de xente nova. E isto é realmente o preocupante.

Lume.
Lume.

''A España vaciada'', ese termo que se colou nas anteriores eleccións, promete ofrecernos algún titular máis de cara a esta enésima convocatoria electoral.

Vaciada, falso. Está chea de maleza, lume, abandono, deixadez e desidia. Case sempre quen máis fai bandeira de algo, é o que menos idea ten do que realmente acontece. Non vou a falar da España vaciada, gustaríame máis falar da Galicia vaciada, e máis concretamente da provincia máis abandonada de todas. Esta, Ourense.

De todas as propostas que escoitei na pasada campaña electoral, a que máis graza me fixo foi a de implantar 4G en todo o territorio, especialmente nas zonas rurais. A ver, non é por mal, pero a estupidez esta a quen se lle ocorreu?

A provincia de Ourense é tan grande coma o País Vasco enteiro (uns 7200 km2.). Vivimos nela, así en números redondos que as comparacións son odiosas, uns 300.000 habitantes. En Euskadi algo máis de dous millóns de persoas. A paisaxe, con todo, é bastante similar. O que non é nin parecido é tanto o tecido produtivo, como a ordenación do territorio, e xa nin mencionar a idade media da poboación.

Non pretendo, nen moito menos, facer aquí alabanzas de ninguén, só pretendo pórnos en contexto. Galicia é vella. En Lugo e Ourense a poboación maior de 65 anos é o dobre que a de xente nova. E isto é realmente o preocupante.

Un queda pasmado ao ver o novo éxodo do rural cara as vilas e cidades, quedando cada día máis aldeas sen xente. Os que vivimos aquí, no rural, vemos impotentes como cada vez imos a máis enterros, porque a grandes rasgos é lei de vida. Péchanse máis casas, quedamos sen servizos e todo morre paseniño. Mesmo parece, ás veces, que o deixan morrer.

Ante esta situación de morte, porque é o que hai aquí, que se nos propón? De todas as propostas que escoitei na pasada campaña electoral, a que máis graza me fixo foi a de implantar 4G en todo o territorio, especialmente nas zonas rurais. A ver, non é por mal, pero a estupidez esta a quen se lle ocorreu? E logo tamén falaban de conectar a xente da cidade co medio rural favorecendo a apertura de novos modelos de negocio no medio rural. E a ver, o modelo de negocio do medio rural xa existe. Son a agricultura e a gandeiría. Atraer a xente que vive nun ámbito urbano a desenvolver actividades que teñen que ver co ámbito urbano e pan para hoxe e fame para mañán. Esa xente que ten un ritmo de vida e un estilo de vida urbano, vai criar aos seus fillos, se os ten, nun ambiente urbano. O cal vai rematar con outro éxodo.

Galicia podería ser referente en produción de madeiras nobres e exportalas a medio mundo. Pero non, mellor plantamos eucaliptos que non dan a lata e dan cartos. Mentira. Esgotamento de terreos fértiles e deforestación e lume. Iso é o que regala o eucalipto

Agricultura e gandeiría. E isto só se pode mudar empezando por esixir de arriba cara abaixo. Hai que ir a Europa, hai que xerar un modelo de PAC que favoreza aos pequenos, aos que queren criar vacas en extensivo, ovellas, cabras e transformar os seus produtos. Creo que á Casa de Alba non lle debe ir moi mal, pese a todo son os máis beneficiados da Política Agraria Común. Hai que potenciar os bancos de terras, flexibilizar os trámites burocráticos infames para poder acceder a terreo, acelerar os procesos de concentración parcelaria... Insisto, temos unha provincia chea de carqueixas. Fai falla apostar por modelos de plantación que xeren emprego e non lume. A política forestal da Xunta é, posiblemente, a maior cagada ambiental do noso século. Galicia podería ser referente en produción de madeiras nobres e exportalas a medio mundo. Pero non, mellor plantamos eucaliptos que non dan a lata e dan cartos. Mentira. Esgotamento de terreos fértiles e deforestación e lume. Iso é o que regala o eucalipto.

Un panorama desolador dende as institucións, dado que polo visto o tema da megaminería tamén lle parece que é un bo modelo de negocio. Quero ouvir nesta campaña electoral propostas serias acerca do medio rural. Unha estratexia clara de aquí a 15 anos vista revisable ano a ano. Que fixe poboación, que xere emprego, que coide dos nosos maiores que viven aquí e queren morrer aquí. Que teña o ollo posto en cuestións tan importantes coma a fiscalidade real que debería ter quen aposta polo rural. Xa que en definitiva, os que pretendemos vivir aquí, no rural, non queremos ser nin máis nin menos ca ninguén. Iguais ao resto. Que nos deixen vivir, que o que precisamos é talento e dinamismo, non que o dron de Amazon nos deixe o pienso na porta da casa.

O dron do pienso
Comentarios