Venres. 29.03.2024

"Dóeme Laza", así remata a carta de renuncia do exalcalde Jesús Blanco Conde

O vindeiro venres ás 12:00 horas a Corporación municipal de Laza escolle novo alcalde, que pode ser un vello coñecida da vila, José Ramón Barreal. Só un entendemento entre os exsocios de Goberno -aínda que o duro texto de renuncia do rexedor non o facilita- podería impedilo. Jesús Blanco Conde renunciou deste xeito no pleno deste martes á súa condición de primeiro edil. Non deixou títere con cabeza

Santiago Lorenzo, o secretario do Concello de Laza, dando conta da renuncia do rexedor Jesús Blanco Conde. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Santiago Lorenzo, o secretario do Concello de Laza, dando conta da renuncia do rexedor Jesús Blanco Conde. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Texto íntegro da renuncia de Jesús Blanco Conde, o xa exalcalde socialista de Laza

Hoxe, benqueridos/as veciños/as, é un día triste e frustrante para min, aínda que por outra parte de alivio; é tamén, creo, un día triste e frustrante para Laza. Posiblemente un día de ledicia e satisfacción para os que ata onte eran socios de goberno, pois acadan antes do previsto o seu principal obxectivo: tumbar o goberno municipal e defenestrar ó alcalde; polo tanto a fagocitación que imaxinariamente aturdía as súas cabezas desaparecerá agora da súa mente.

O pobo deunos cos seus votos ese mandato e nesa tarefa estabamos, cando a forza política coa que a compartiamos, que engañosamente transmitiu esa mensaxe, resultou ser unha infiltración do PP. Aproveitaron unhas siglas En Marea, de esquerdas, a priori máis á esquerda co PSdG-PSOE oficial para colar a súa candidatura, que polo visto era o único que lles interesaba

O día 26-05-2019 os veciños/as de Laza votaron para acabar co feudalismo no municipio. Eu tamén tiña esa ilusión. Por iso renunciei á Dirección Provincial do INSS e da TGSS en Ourense e me presentei á alcaldía para liderar ese obxectivo. O pobo deunos cos seus votos ese mandato e nesa tarefa estabamos, cando a forza política coa que a compartiamos, que engañosamente transmitiu esa mensaxe, resultou ser unha infiltración do PP. Aproveitaron unhas siglas En Marea, de esquerdas, a priori máis á esquerda co PSdG-PSOE oficial para colar a súa candidatura, que polo visto era o único que lles interesaba. Resulta obvio que a En Marea de Luís Villares, naquela euforia de presentar candidatos na maior parte dos municipios non reparou nos antecedentes, nin nas connotacións ideolóxico-políticas dos postulantes. Se o fixese, facilmente tería comprobado que o seu cabeza de lista nas municipais de Laza tiña feito campaña anteriormente a favor do PP. Son moi raros os casos en que xente ubicada inicialmente na dereita pura e dura acaba finalmente en posicións de esquerdas. Algún hai coma o de Jorge Verstrynge. Podería tamén darse o caso nos concelleiros de En Marea, pero a votación sistemática e mimética a favor das propostas do PP e en contra do Goberno evidenciaron que non houbo tal evolución.

Son moi raros os casos en que xente ubicada inicialmente na dereita pura e dura acaba finalmente en posicións de esquerdas

Dous eran os principales obxectivos do Grupo PSdeG-PSOE. O primeiro, desbancar ó alcalde popular. Conseguímolo nas urnas, obviamente coa suma dos votos de En Marea. O segundo, transformar radicalmente as políticas e xestión do Concello para o que necesariamente tiñamos que formar goberno co Grupo En Marea - Xuntos por Laza. Así escomenzamos o 15-06-2019, crendo acaso inxenuamente que os nosos socios compartían este mesmo obxectivo. Nos primeiros momentos xa tivemos que deixar que marcasen o itinerario para que o Goberno funcionase. E así con sucesivas cesións ata que, cando ían pouco máis de 6 meses, na sesión plenaria do 9 de xaneiro, aflora a verdadeira faciana dos de En Marea ó votar xunto co PP dúas urxencias en sendas mocións, que non o eran, culminando este maridaxe co rexeitamento dos orzamentos nos que se contemplaban principalmente as obras propostas por eles coas correspondentes subvencións tramitadas baixo a súa dirección, así como a axuda por natalidade. Todo isto, é dicir, que sendo membros do Goberno votasen en contra do propio Goberno aliándose co PP, é obvio, determinou que pola alcaldía se decretase o seu cesamento.

Na sesión do pasado día 9, nada sorpresivo, volveron alinearse co PP aprobando unha retahíla de mocións de urxencia. Ningunha o era e nada impedía que se presentasen pola vía ordinaria, pero como a vía utilizada impide que o Grupo de Goberno as coñeza e poida analizalas previamente para, co suficiente coñecemento, aprobalas, enmendalas ou rebatilas, optaron por evitalo adheríndose ó novo socio.

Cunha gran frustración tanto por miña parte coma por parte do equipo de Goberno, ó non sermos capaces de conseguir a transformación radical deste Concello, mandato que o pobo nos deu o 26-05-2019 e como era a nosa ilusión, vémonos abocados a abandonar, quen sabe se temporalmente, esta misión

Así pois, Xuntos por Laza xoga agora xunto co PP, ou mellor dito, tapado tras o PP ata o de agora e descubríronse, actuando xuntos contra Laza ó maniatar, non deixar facer ou esixir con urxencia ó equipo de Goberno cousas que o exalcalde non acometeu durante o longo tempo en que estivo ó fronte do Concello, outras improcedentes, difícilmente factibles e incluso imposibles. Así e todo predican que eles apoiarán todo o que sexa beneficioso para Laza. Pouco beneficio se pode sacar desta actitude de acoso e derribo que obstrúe non só determinadas accións, senón tamén a xestión ordinaria. De modo que, cunha gran frustración tanto por miña parte coma por parte do equipo de Goberno, ó non sermos capaces de conseguir a transformación radical deste Concello, mandato que o pobo nos deu o 26-05-2019 e como era a nosa ilusión, vémonos abocados a abandonar, quen sabe se temporalmente, esta misión.

Quedará, polo tanto, a dirección política (se se pode falar de políticas nun Concello coma o noso), pero sobre todo a xestión nas mans desta aparente alianza entre PP e En Marea, digo aparente porque en realidade En Marea - Xuntos por Laza, PP é.

Por último, agradecer as numerosas mostras de apoio e ánimo amosadas por moitos veciños e veciñas durante este via crucis, incluso as esixencias de que resistise. A verdade é que resitiría, pero dada a pinza obstructiva e as cheas de demandas que dificultan ou imposibilitan calquera actividade, non queda outra, polo ben de Laza, comprendédenos, que deixar que arranxen eles. Non obstante, estaremos vixiantes. Dóeme, doinos Laza. Moitas gracias.

"Dóeme Laza", así remata a carta de renuncia do exalcalde Jesús Blanco Conde
Comentarios