Evento
AXENDA | Ponte Farruca! Chega a romaría do orgullo rural

Un ano máis, Laza acolle a romaría popular Ponte Farruca, a festa que celebra a igualdade, a diversidade e o rural nun evento que contará con actividades ó longo de toda a xornada e para todas as idades.
Convértese Laza nun "espazo seguro e acolledor para todas as persoas, sen importar a súa orientación sexual ou identidade de xénero", explica Xacobo Novoa, membro da organización do evento. Pero, tamén, nun espazo de respecto que reivindica o orgullo no rural e do rural galego.
Unha xornada de confraternidade que contará con feira de artesanía, foliada, gastronomía, tractorada engalanada, obradoiros de instrumentos musicais e canto, concertos, actividades acuáticas e un espazo adicado á cativada.
Ponte Farruquiña, o espazo creado para as crianzas, ofrecerá unha ampla variedade de actividades e xogos e contará coa presenza de "A run run", que virán coa actuación "Fortunata e Honorata poñen a bata".