Venres. 29.03.2024
foto 9
Pepita Alonso, de Souteliño.

A saia Raíña é un proxecto de difícil clasificación, tan multidisciplinar e poliédrico coma a súa propia directora, Rita Más Ybáñez.

Está claro que o peso do audiovisual ten unha grande importancia nesta exposición, pero, como a propia Rita di, é máis un traballo de testemuñas, que de fotografía ou videocreación. Xa que o importante está máis no fondo que na forma: investigación antropolóxica, crítica social, interés polo invisibilizado e comprensión por aquelas mulleres ás que o loito deixou mudas.

Porque é o loito das mulleres o protagonista deste proxecto: cómo se vivía antes, e cómo se vive agora. As cadeas obrigadas (ou autoimpostas) do pasado, e a negación neurótica da dor no presente. Mais ninguén pode negar esa realidade coa que aínda convivimos, por máis que miremos a outro lado.

Co fin de reunir o material necesario para tal empresa, Rita percorreu multitude de recunchos da Galicia rural e urbana, dende o ano 2006 ata o 2018, chegando incluso ata ao Val de Monterrei, en concreto ao pobo de Laza, onde se atopou co noso particular xeito de entender este escuro costume.

A saia raíña é unha exposición itinerante: comenzou en Vigo, na Casa das Artes, gracias á iniciativa da Concellería de Igualdade desta cidade.

Actualmente pódese visitar no Centro Ágora da Coruña (imaxe inferior), ata o 23 de abril, co apoio da Concellería de Igualdade, Cultura e Bibliotecas Municipais.

foto 4

En ambos os dous casos tivo unha moi boa acollida de público, que reclama visitas guiadas e programadas.

Tamén o Centro da UNED da Coruña tivo en conta esta proposta para dar unha conferencia o 14 de Marzo, dentro da programación especial, en torno ao Día Internacional da Muller.

Pero a esta saia aínda lle queda moito por camiñar, emburillándose co po das nosas canellas emocionais. Pode que algún día se deixe ver pola nosa comarca, ou iso pretende.

DIRECTORA CREATIVA, POETA E ESCRITORA

Rita Más Ybáñez é poeta, escritora, directora creativa en Papuxa comunicación, e estudante de Antropoloxía social e cultural na UNED.

Tamén colabora coma redactora de prensa, locutora de radio, na producción de televisión e como directora creativa en axencias de publicidade. Fai recitáis poéticos, imparte cursos e charlas sobre guión, deseño editorial e outras disciplinas.

Ten formación en Antropoloxía visual (Círculo de Bellas Artes, Madrid), e recibiu, entre outros, o Premio Video Poema Mirando ao mar (Concello de Carballo), premio Juan Gris de teatro ou premio nacional de poesía Jaime Gil de Biedma.

Recentemente tamén gañou o premio da Concellería de Igualdade de Vigo con motivo do 8 de marzo, e os seus carteis encheron a cidade de cor e mensaxe.

foto 6

Pero Rita non estivo soa nesta aventura chamada A saia Raíña: a exposición púidose mostrar ao público grazas á participación da Fundación Paideia. E en canto as colaboración musicais, desfrutou de xente coma a cantautora Silvia Penide, Lola Más, Santiago Más e outros músicos xa de fóra de Galicia.

Para a instalación da exposición, foi imprescindible e moi ben recibida, a labor de axudanta de producción de Susana González.

Tamén contou coa axuda amable de numerosas amigas que a asistiron nas viaxes, desplazamentos ou contactos coas informantas.

De quén foi a idea deste proxecto e por qué motivo xurdiu?

A idea ten unha orixe literaria. A miña intención era escribir historias que narrasen a vida dende o frío encerro do loito da muller: cómo transcurría, onde estaban… O complemento circunstancial de tempo convertíase no complemento circunstancial de lugar, como describe un dos meus relatos: Amadas que veñen de onte.

Outro motivo polo que xurdiu este proxecto foi a miña propia curiosidade: de nena a miña familia (totalmente urbanita) comprou unha casa de campo enorme, con viñas e xardín, e todo para min era novo e descoñecido. Eu saía a xogar á praza do pobo, e vía ás mulleres enloitadas, e outras nenas que non podían xogar comigo porque estaban de loito… e quixen comprender mellor.

E por que o loito e non outro tema?

Porque son moi partidaria da antropoloxía e a etnografía do que está ao noso carón. Creo que a nosa visión etnocentrista continúa sendo a maioritaria. Cando ollamos ao “outro” lonxano, cuestionamos a súa moral, costumes e sociedade.

Pero aquí tiñamos o pano da cabeza, o aillamento social e as prohibición propias dun costume que en 1502 tiña forma de lei “A Pragmática de Loito e Cera” dos Reis Católicos. Mais como estaba tan preto de nós, esquecíasenos cuestionalo.

Por qué viñeches ata Laza para buscar informantas?

Porque percorrín toda Galicia, e ademáis Laza é un lugar especial, non soamente pola súa ubicación, tamén polas súas xentes. Coñéceselle polo corido do seu entoido, pero tamén o negro formigueaba polas súas rúas. Encántame Laza, incluido o seu topónimo!

O ideal sería traer a exposición á comarca e establecer contacto con Portugal.

Percibiches signos diferenciadores e orixinais deste costume no val de Monterrei?

Dunha comarca a outra percíbense tanto coincidencias como diferencias: no costume e na fala. Por exemplo, a palabra nai escoiteina de moitos xeitos diferentes: madre, miña nae, nai, mai… Incluso en Laza descubrín palabras que xa non existen, pois os obxectos a que fan referencia tampouco existen xa.

As palabras nacen e morren o mesmo que a xente que as fala, ou as estrelas.

Unha mostra sobre o loito recolle testemuñas das mulleres de Laza